jueves, 16 de febrero de 2017

Odisea 2017: Desenlace do desempate


Onte acollemos no noso Centro unha sección do desempate da fase galega do Concurso Odisea 2017. Como xa comentaramos, para ela clasificárase un grupo do noso IES: Vagalume, integrado por Noemí, Marta e Adrián, de 1º BAC.

Despois de tres horas de intensa concentración e insistente busca, Vagalume obtivo o quinto posto. Mirando de xeito global a clasificación do concurso, un quinto posto entre máis de 300 participantes está moi ben. Parabéns a eito para estas dúas rapazas e este rapaz!

Parabéns tamén para o grupo Catilina, a quen tivemos o gusto de acoller (xunto co seu profesor, Raúl Gómez Pato), que obtiveron o 3º posto.

Parabéns, desde logo, para o grupo gañador: Invicti, do IES Lama das Quendas, de Chantada. E tamén para Os Espartanos, do IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, que quedou en segundo lugar.

E, un ano máis, o noso sincero e sentido agradecemento e parabéns para a organización deste concurso, que leva desde o ano 2006 facendo máis interesante cada curso para aqueles, alumnos e profesores, que nos dedicamos a ensinar e aprender a enorme riqueza da Antigüidade Clásica.

martes, 14 de febrero de 2017

Clasificación para o desempate do Concurso Odisea 2017

Rematou xa o Concurso Odisea 2017, e un dos grupos participantes no nome do noso centro clasificouse para a fase de desempate.

Trátase do grupo VAGALUME, formado por Noemí, Marta e Adrián, de 1º BAC.




De acordo coas indicacións da organización (a quen sempre hai que agradecer o gran labor realizado) noso centro será unha das sedes do desempate. Nel mañá recibiremos, a partir das 17 h, ó grupo Catilina, do IES de Valga, acompañado do seu profesor Raúl Gómez Pato.

Quero agradecer desde aquí o traballo realizado polos grupos do IES Fontexería inscritos no concurso, sobre todo os que continuaron pelexando ata o derradeiro día por conseguir a máxima puntuación.

Agora toca desexar a mellor das sortes para Noemí, Marta e Adrián.

O resultado provisional do desempate coñecerase mañá, a partir das 20 h., neste enderezo web:

domingo, 5 de febrero de 2017

Comezo do concurso Odisea 2017


Dentro dunhas poucas horas, ás 9:30 de mañá luns, comeza unha nova edición do Concurso Odisea, organizado pola Sociedad Española de Estudios Clásicos, a quen queremos agradecer, un ano máis, o mantemento desta iniciativa, que fai moito por facer visibles as materias relacionadas coa Antigüidade Clásica.

Por parte do IES Fontexería, incscribíronse nesta edición do concurso un total de nove grupos, que implican a 25 alumnos:

     - HOOLIGANS: Ana F. & Recesvinto (4º ESO)
     - TAM: Águeda, Octavio & Manuel (4º ESO)
     - VOCES BRANCAS: Ana B., Lucía & Lucas (4º ESO)
     - P DE PIJAS: Paula F. & Paula I. (4º ESO)
     - ZOVIRAX: Sira, Victoria & Irene (4º ESO)
     - PROMETEO LIBERADO: Miguel, Lorena & Uxía (1º BAC)
     - FIMOSVS: Xaquín, Ismael & Brais (1º BAC)
     - VAGALUME: Noemí, Marta & Adrián (1º BAC)
     - MISCELÁNEOS: María, David & Allende (1º BAC)

A todos eles, moita sorte, e que Minerva vos bote un cable (ou máis).

A ligazón para acceder ao concurso queda aquí:

jueves, 2 de febrero de 2017

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXVI-MMXVII)



Co final do mes de xaneiro rematou tamén a primeira oportunidade do trimestre para que os alumnos de Latín do IES Fontexería sumasen 0,33 puntos á súa nota final. Esta ocasión foi aproveitada por Ana, Paula F., Camino, Paula I. (4º ESO), e máis por Isaac e Sara (2º BAC).

Para eles, e para todos os demais, aquí están as quaestiones do mes de febreiro.

 
I. O 21 de febreiro de hai 2.014 anos morría o neto dun Emperador, a quen o seu avó nomeara sucesor tras a morte do pai do rapaz (que non era fillo do gobernante). A causa do pasamento foron as feridas que o protagonista da nosa quaestio recibira no asedio dunha cidade oriental. Queremos o nome do rapaz, o do seu pai, o do avó, e tamén o da cidade.



II. Cada 23 de febreiro os romanos celebraban unhas festas relixiosas na honra dun deus moi importante para as propiedades agrícolas. Grupos de veciños reuníanse para adornar con flores certas pedras, que logo eran rociadas co sangue dun año ou un porco previamente sacrificado. Con que nome se coñecían estas festas e a que deus estaban consagradas?

III. O 24 de febreiro, 297 anos despois da morte aludida na primeira quaestio, un Emperador promulgaba un edicto que cambiaba a situación relixiosa dos súbditos do Imperio: a partir de entón, só se podía practicar publicamente unha relixión. Cal era ese culto e quen foi o Emperador responsable da medida?