miércoles, 6 de enero de 2016

Concurso Odisea 2016


Un ano máis, a Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC), a través de diferentes seccións territoriais,  pón en marcha o concurso Odisea, co que se pretende, durante uns días, que a Grecia e Roma antigas sexan un pouco protagonistas da vida dos centros.

Desde os inicios do concurso, hai xa 11 anos, o alumnado de Latín, Grego e Cultura Clásica do IES Fontexería ten participado asiduamente.

Como cada ano, o profesor responsable deste blog anima ós seus alumnos a se inscribir e participar neste concurso, que nos parece unha moi loable iniciativa, pola que felicitamos sinceramente ós seus promotores e organizadores, que cada ano fan un gran traballo.

O sitio web coas bases e o formulario para a inscrición estan aquí:



ROMANAE QVAESTIONES IV (MMXV-MMXVI)

Acaba de rematar o ano 2015: utinam annus MMXVI felix et properus omnibus nostrum sit!

Con todo, seguimos no mesmo curso: comezamos un novo trimestre, e con el empeza de novo a serie de oportunidades para sumar ata 1 punto á nota final, que se outorgará no mes de marzo.

Para iso, como xa sabedes os visitantes asiduos deste blog, só hai que atopar a resposta correcta a tres preguntas sobre a Antiga Roma que cada mes publicaremos.

Velaquí as do mes de xaneiro:

I. O 12 de xaneiro, hai 2.945 anos, pechábanse en Roma as portas dun templo moi especial. Estaba dedicado a un deus que adoitaba ser representado mediante un busto con dous rostros, cada un deles mirando en sentidos opostos. As portas do seu templo permanecían abertas sempre que Roma se atopase nunha situación concreta, relacionada coa súa política exterior. De que deus falamos e que significaba o ritual relacionado coa apertura e/ou peche das portas do seu templo?

II. Hai 2.102 anos, o 13 de xaneiro, e como consecuencia dunha grave enfermidade, morría un sobranceiro xeneral romano, protagonista dos anteriores 25 anos da política romana. Aparte de reformar o exército para facerlo algo máis profesional, participou na política como líder dun grupo que pretendía privar á máis alta nobreza da súa posición dominante, e que tiña noutro prestixioso xeneral o seu principal valedor. De que dous militares e políticos estamos a falar?

III. O 15 de xaneiro de hai 1.947 anos era asasinado, ós poucos meses de chegar ó goberno, un Emperador. Sucedera a outro que tamén sufrira morte violenta e que chegara a facerse odioso para gran parte da poboación, o exército e a clase dirixente romana. E o sucesor do primeiro, que conspirou contra el para matalo, foi tamén asasinado pouco tempo despois. Daquela, a que tres Emperadores nos referimos (cítaos por orde cronolóxica).