miércoles, 5 de noviembre de 2014

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXIV-MMXV)

Co remate do mes de outubro finalizou tamén a primeira oportunidade para que os alumnos de Latín do IES Fontexería sumasen 0,33 puntos á nota final do trimestre. Só Nerea, Gemma e Sabela (2º BAC) estiveron atentas.

Co mes de novembro reiteramos a oferta: 0,33 puntos por respostar correctamente a estas tres preguntas, para o que se dan unhas boas pistas:

I. Hai 1.999 anos, o 6 deste mes, nacía en Roma unha rapaza que logo sería moi importante na evolución da primeira dinastía de Emperadores romanos: sobriña do segundo Emperador desa familia, irmá do terceiro, esposa do cuarto e nai do quinto. De que muller e Emperadores falamos?




II. O 8 de novembro, 78 anos antes, un importante político e orador romano pronunciaba diante do Senado o primeiro dunha serie de discursos nos que descubría unha conspiración destinada a dar un golpe de Estado. Segundo se nos conta, o líder da conxura estaba presente cando os seus plans foron revelados publicamente. De que dous homes estamos a falar?




III. Durante a celebración dos Xogos Plebeios, o 13 de novembro, certo colexio de sacerdotes organizaba, no nome da plebe, un banquete público na honra do deus a quen se consagraban os devanditos xogos. Unha imaxe do propio deus (a quen acompañaban outras dúas, de senllas deusas) era levada ó banquete. O deus protagonista “comía” recostado nun diván e as dúas deusas sentadas. Como se chamaba o colexio de sacerdotes e a que deuses nos referimos?