jueves, 2 de octubre de 2014

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXIV-MMXV)

Co comezo do novo curso principia tamén a serie mensual de oportunidades para que os alumnos das materias de Latín (4º ESO), Latín I (1º BAC) e Latín II (2º BAC) poidan incrementar ata nun punto a súa nota final de trimestre.

Para iso deberán respostar correctamente, logo das pertinentes investigacións na rede, ás tres preguntas que cada mes aparecerán neste blog.

Velaquí as do mes de outubro:


I. O día 2 deste mes, desde finais do s. I a.C., celebrábanse en Roma unhas festividades na honra de certo persoeiro, decisivo na Historia da cidade, con motivo do seu retorno dunha viaxe na que se xogara o futuro da propia Roma. Na ocasión tamén se honraba a unha divinidade moi vencellada á boa sorte. Os actos consistían fundamentalmente no ofrecemento de espectáculos públicos variados. A que persoeiro e divinidade nos referimos?
 


II. Hai 1.653 anos morría un Emperador romano, xusto cando estaba a piques de enfrontarse a un rival polo poder, que ademais era seu curmán, e que fora proclamado Emperador polos seus soldados. Como se chamaban estes dous curmáns?







III. Cada 5 de outubro os romanos consideraban que quedaba aberta a porta que comunicaba o reino dos mortos co dos vivos. Non era a única data na que se producía esta crenza, senón que incluía dous días máis. Como se chamaba esta crenza relixiosa e a que outras dúas datas afectaba?