jueves, 1 de diciembre de 2016

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXVI-MMXVII)



Antes ca nada, unha desculpa. Segundo comunicaron todos os alumnos que buscaron as respostas ás quaestiones do mes pasado, a primeira delas foi imposible de atopar. E, efectivamente, a pregunta estaba mal formulada: a festa en cuestión era na honra de Cibeles, pero tiña lugar do 12 ao 19 de abril (e non de novembro). Perdón polas dores de cabeza causadas e, en compensación, a quen entregou as outras dúas respostas contaralle coma se fosen tres.

Dito o cal, velaquí as preguntas do mes de decembro, que é máis curto que os outros. Así que, bulan vostedes!


I. O 15 de decembro de hai 1.980 anos nacía o que máis tarde sería un dos Emperadores romanos de máis sona, pois pasou á posteridade como un exemplo de mal goberno e mesmo depravación. Non é nada estrano, xa que mandou matar á súa nai, as súas dúas esposas, o seu medio irmán e o seu antigo profesor, entre outros. Cal é o nome deste persoeiro e o dos asasinados que se mencionan?




II. Cada 17 de decembro comezaban en Roma unhas festas na honra de certo deus. En primeiro lugar liberábase á súa estatua da cinta de la que o rodeaba o resto do ano para impedirlle abandonar a cidade. A partir dese momento, a ledicia era xeral: non había actividade política nin xudicial, había vacacións escolares e sorteos de lotería; tamén se ofrecían banquetes públicos e a xente intercambiaba agasallos. Con que nome se coñecían estas festas e na honra de que deus se celebraban?



III. 32 anos despois do nacemento citado na primeira quaestio, morría en Roma un Emperador que durara moi pouco tempo no cargo. E non morreu de calquera maneira: foi capturado, arrastrado polas rúas de Roma, asasinado a golpes e guindado ó Tíber. Quen foi este Emperador e quen foi o seu sucesor?

miércoles, 2 de noviembre de 2016

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXVI-MMXVII)

Coa fin do mes de outubro rematou tamén a primeira oportunidade para sumar 0,33 puntos máis á nota final do trimestre; e esa oportunidade aproveitárona Ana, Lucía e Camino (4º ESO), e máis María, Isaac e Sara (2º BAC).

Novembro é outra ocasión, para eles e para todos, de seguir sumando. Velaquí as preguntas deste mes:



I. Cada 19 de novembro celebrábase en Roma un ritual relixioso que consistía en ofrecer un banquete a unha deusa: preparábase o seu templo para a ocasión, dispoñendo un comedor, sacrificábase unha víctima animal e os asistentes compartían, simbolicamente, a carne coa divinidade. Este tipo de festas tamén se ofrecían de cando en vez a outros deuses, e en latín existía un nome común para todas elas. Cal era ese nome e quen era a deusa honrada neste día concreto?

 

II. Hai 1.954 anos morría en Roma un poeta romano por causa dunha enfermidade que lle afectaba ó estómago. Non conservamos moitas composicións súas, pero todas elas levan un título conxunto que alude á intención crítica con que foron compostas. Quen e o poeta e cal é o título do libro de poemas que temos del?

 


III. Hai 2.060 anos constituíase en Roma unha asociación entre tres homes que concentraban nas súas mans o poder real na antiga Roma. Unha das súas primeiras medidas foi elaborar unha lista de proscripción: os que aparecían nela eran declarados inimigos políticos, o que, na práctica, resultaba ser unha condea a morte. Víctima desta táctica foi, entre outros, un importante orador e político que levaba moitos anos sendo un forte opositor a un dos membros desta coalición. Con que nome coñecemos a esta, que tres homes a formaban, e que orador perdeu a vida a mans súas?

domingo, 2 de octubre de 2016

Unha novela: "Aníbal", de Gisbert Haefs

Como calquera iniciado na Historia de Roma sabe, Cartago perdeu tres guerras contra Roma (as Guerras Púnicas).

Debido a este feito, a única versión do que aconteceu coa que contamos é a dos historiadores romanos. Como é de esperar, todos presentan os feitos dun xeito favorable á súa patria, pois sabido é que a Historia a escriben os vencedores.


Pois ben: en Aníbal, o novelista alemán Gisbert Haefs compón unha ficción histórica que presenta os conflitos desde o punto de vista cartaxinés. Ademais do gran xeneral que a piques estivo de derrotar a Roma, aparecen nesta novela máis personaxes, os máis deles históricos; pero entre os ficticios destaca Antígono, un banqueiro medio grego e medio púnico que desde moi novo foi un bo amigo da familia Barca, que deu militares de gran valía ó Estado cartaxinés. De feito, Haefs fai que o seu relato estea escrito polo propio Antígono.

O estilo narrativo de Haefs é o característico da novela histórica: respecta o que nos contan as fontes históricas, os acontecementos vanse sucedendo a bo ritmo, e deixa espazo para o retrato psicolóxico dos personaxes máis importantes, aínda que, ás veces, lles atribúe reflexións que parecen máis propias da nosa mentalidade contemporánea.

En suma: unha novela interesante, sobre todo para aqueles a quen lles atraia a figura dun dos maiores militares da Historia.




ROMANAE QVAESTIONES I (MMXVI-MMXVII)

Xa está aquí o mes de outubro, e con el chega, para os alumnos, a primeira oportunidade de aumentar a nota final do trimestre ata en 1 punto.

Como xa saben os que coñecen este blog, para conseguir ese obxectivo cómpre responder correctamente ás tres preguntas que se publicarán cada mes. As respostas pódense atopar mediante unha paciente investigación a través da rede.

Así que, sen máis, aquí están as primeiras Romanae Quaestiones do curso 2016-17:


 
I. Vetus novum vinum bibo, veteri novo morbo medeor. Os romanos pronunciaban esta fórmula cando participaban en certa celebración relixiosa na honra dunha deusa que patrocinaba as viñas: misturábase viño vello con novo e recitábase a frase antes mencionada. A que deusa nos referimos e que quere dicir a fórmula?







II. Hai 1.962 anos morría un Emperador moi famoso por certas dificultades que tiña ó falar, que gustaba moito de certa delicia gastronómica e que, segundo os rumores, aproveitou a súa esposa para envenenalo. Que Emperador é e cal era o prato que tanto lle gustaba?




III. E unha sinxela para rematar: cada 13 de outubro, os romanos botaban flores ás fontes e adornaban con guirnaldas as bocas dos pozos. Con que nome se coñecía esa festa?

Initium Cursus MMXVI-MMXVII

AVETE, NAVIGATORES!

Curso novo, mesmas intencións.

Coa LOMCE en marcha, aínda que as modificacións curriculares para a materia de Latín na ESO e no Bacharelato son pequenas, algunha hai. E, debido á falta de información sobre a estrutura da famosa "reválida" (para 4º ESO e 2º BAC, no que nos atingue), debemos comezar o curso partindo dos contidos, obxectivos e estándares de aprendizaxe do decreto sobre o tema que se publicou para Galicia.

Con todo e con iso, a nosa meta e ilusión é a mesma de sempre: achegar ó noso alumnado os (para nós, moi interesantes) mecanismos da lingua latina, e tamén os (para nós, apaixonantes) múltiples aspectos da civilización romana antiga. Tratamos de que non se esqueza unha verdade incuestionable: que o latín aínda ten moita presenza nas linguas que manexamos a cotío, e que moitos elementos da vida dos antigos romanos aínda están vivos na nosa cultura, en pleno século XXI.


jueves, 2 de junio de 2016

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXV-MMXVI)

A piques de rematar o curso, este mes ofrécese a derradeira oportunidade para facer medrar a nota final do trimestre, o que de seguro influirá na cualificación final. Para iso, como cada mes, hai que respostar correctamente ás preguntas que ofrecemos neste blog.

Mais antes de expoñer as quaestiones, quero felicitar ós alumnos que aprobaron o curso de 2º BAC e que, non próximos días, realizarán os exames das PAU. Ánimo: AVDENTES FORTVNA IUVVAT!

E xa, sen máis demora, estas son as preguntas do mes de xuño:



I. O 9 de xuño de hai 1.948 anos suicidábase, asistido por un liberto, un Emperador romano, probablemente o que peor sona ten deixado. Poucos meses antes, e fartos dun gobernante imprevisible e aparentemente tolo, varios xefes dos exércitos das provincias subleváranse contra el, e o Senado destituíno formalmente, ordenando a súa detención. De que Emperador estamos a falar e cales foron, segundo nos din, as súas derradeiras palabras?




II. Cada 11 de xuño celebrábanse en Roma unhas festas na honrra de certa deusa. Nela as mulleres que só casaran unha vez ían ó templo da deusa e realizaban unha serie de ritos: facían entrar a unha escrava e, a seguir, botábana fóra a golpes; logo suplicaban á deusa polos seus sobriños, ós que levaban no colo e acariñaban. Como se chamaba esta deusa e con que palabra latina se coñecía ás mulleres casadas unha única vez?




III. O 12 de xuño, 30 anos antes da morte do Emperador citado na primeira quaestio, morría tamén a irmá favorita dun dos seus antecesores. Este, tolo de dor, decretou loito oficial, durante o cal estivo castigado coa pena de morte o feito de rir, bañarse ou comer coa familia. Como se chamaba esta muller e cal era o nome do seu irmán?
 

martes, 3 de mayo de 2016

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXV-MMXVI)

As Romanae Quaestiones do recén rematado mes de abril foron respostadas correctamente por Gabriel e Issac (1º BAC), e máis por Esmeralda, Aldara, Laura L. e Iván (2º BAC).

Comeza maio, e con el unha nova ocasión para sumar décimas á nota final do trimestre: 0,33, para ser exactos (agás para os de 2º BAC: eles, por ser o seu derradeiro mes de curso, poderán sumar o dobre).

E estas son as preguntas deste mes:


I. Hai 1.686 anos, o 11 de maio, un Emperador trasladou a capital do Imperio desde Roma a outra cidade, que el mesmo refundara e bautizara cun nome baseado no seu propio. Como se chamaba o Emperador e con que tres nomes nos é coñecida a cidade (o que tiña de antigo, o que o Emperador lle deu e o que ten actualmente)?

II. O 12 de maio, 332 anos antes do feito referido na anterior quaestio, outro Emperador inauguraba un templo, dedicado a certo deus, a quen lle quería agradecer o seu suposto apoio nunha campaña militar que tiña como fin consumar a vinganza sobre os asasinos do seu tío avó e pai adoptivo. Queremos o nome dos catro personaxes implicados neste asunto (o Emperador, o seu pai adoptivo e os seus dous principais asasinos), e tamén o do templo.

III. O 13 de maio, 33 anos antes da inauguración do templo mencionado na pregunta anterior, morría un importante historiador romano, ó que debemos dúas obras importantes: unha sobre un intento de golpe de Estado que tivo lugar cando el tiña 23 anos, e outra sobre unha guerra que Roma mantivo cun rei do norte de África. Como se chamaba o historiados e como se titulaban esas dúas monografías?

lunes, 4 de abril de 2016

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXV-MMXVI)

Chegamos ó mes de abril e, unha vez máis, desde este blog ofrécese a posibilidade de aumentar ata nun punto a nota final do trimestre. Para iso, cada mes hai que responder correctamente ás preguntas sobre a Antiga Roma que se presentan aquí.

E estas son as preguntas deste mes:



I. O 12 de abril, hai 2.220 anos, chegaba a Roma por mar unha pedra de betilo que representaba a certa deusa. Unha profecía baseada en certos libros relixiosos establecía que con ela na cidade os romanos serían quen de derrotar a un líder estranxeiro que acabaría sendo o seu inimigo máis perigoso. Foi elixido para recibila o considerado cidadán máis digno. De que deusa se trataba, como se chamaban os libros que profetizaron a súa necesidade, que líder estranxeiro ameazaba Roma e con que nome era coñecido o cidadán designado para recibila?



 
II. Cada 12 de abril, e ata o 19, os romanos celebraban unha festa na honra de certa deusa, a quen se agradecía a invención da agricultura; tamén se festexaba o retorno da súa filla onda ela, pois pasaba parte do ano sen a súa compaña. Como parte da celebración dábanse espectáculos variados no Circo Máximo. Como se chamaba a deusa, a súa filla, e con que nome coñecemos estas festividades?


 
III. 134 anos despois do acontecemento mencionado na primeira quaestio nacía, o 13 de abril, un persoeiro de grande influencia na política cultural do primeiro Emperador romano. Tanto é así que aínda hoxe designamos co seu nome ás persoas que favorecen o cultivo das artes. Como se chamaba este home?

martes, 1 de marzo de 2016

Odisea 2016: Recollida de premio

Hoxe, Noemí, Marta e María, integrantes do grupo "A Crisálida de Aire", participantes no Concurso de Cultura Clásica "Odisea 2016" acudiron á Coruña para recoller o 3º premio que obtiveron nese certame.

A entrega tivo lugar no Teatro Colón, na Coruña, no marco do Festival de Teatro Grecolatino, antes da representación da obra Electra, de Sófocles, a cargo do grupo Párodos, de Extremadura.

Aquí deixamos unha fotografía da entrega do agasallo (non se aprecia moito, pero son as tres da esquerda).


ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXV-MMXVI)

Rematou febreiro, outro mes máis.

E podemos dicir que xa algunha persoa máis aproveitou a oportunidade que desde este blog se ofrece de aumentar cada mes en 0,33 puntos a nota final do trimestre. Así o fixeron Esmeralda, Aldara, Laura e Iván, de 2º BAC.

Segundo van pasando os meses, espero que cada vez máis alumnos sexan conscientes da ocasión que teñen cada mes. Para o de marzo, que hoxe, comeza, estas son as preguntas que se propoñen:



I. Cada 14 de marzo, os romanos celebraban a chegada da primavera cun ritual consistente en expulsar o inverno, personificado nun ancián vestido con peles de animais, ó que se expulsaba da cidade baténdoo cunhas variñas brancas. Que nome lle daban os antigos romanos a este personaxe e como se chamaba esta festa?





II. O 15 de marzo de hai 2.060 anos morría asasinado o romano probablemente máis famoso da Historia. Quen foron os líderes da conspiración que rematou coa súa vida e cantas puñaladas recibíu, segundo nos contan?





III. Todos os 15 de marzo, os romanos acudían en masa aun prado a carón do Tíber, onde, no medio de cantos e bailes, pedían ós deuses tantos anos de vida como vasos de viño fosen capaces de consumir. Con que nome coñecemos esta festa relixiosa?