sábado, 1 de diciembre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXVIII-MMXIX)

Con decembro remata o trimestre, e tamén o ano natural. Pero aínda non é tarde para engadir, como máximo, 0,33 puntos á nota final do trimestre, repondendo correctamente ás preguntas que propoñemos a seguir:



I. Hai 2.236 anos, o 1 de decembro, un xeneral estranxeiro, que había pouco puxera os pés en Italia atravesando os Pirineos e os Alpes, derrotaba ós romanos na primeira de varias batallas nas que poñería a Roma ó bordo do colapso, aínda que finalmente, anos despois, perdería a guerra. De que xenio militar estamos falando e a que batalla aludimos?

II. Cada primeiro de decembro os romanos celebraban unha festa relixiosa na honra da filla primoxénita (a pesar de que a romana era unha sociedade na que o poder masculino era omnímodo). A deusa honrada nesta ocasión era moi venerada por todos os romanos, e mesmo Xulio César tiña sona de serlle moi devoto. De que festa se trata?

III. O día 3 de decembro, 156 anos despois da batalla mencionada na primeira quaestio, estouraba en Roma un escándalo relixioso: un home participara, disfrazado de muller, nuns ritos relixiosos reservados exclusivamente a mulleres. Os rumores dicían que o fixera en colaboración coa esposa dun importante político da cidade, coa que se sospeitaba que mantiña unha relación adúltera. De que celebración relixiosa falamos, e como se chamaban o seus dous profanadores (home e muller), ademais do esposo supostamente traizoado?

jueves, 1 de noviembre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXVIII-MMXIX)

Co mes de novembro chega a segunda ocasión para sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre.

Para iso, hai que ser quen de atopar as respostas a estas quaestiones:

i. O primeiro día de novembro de hai 2.100 anos, ás mesmas portas de Roma, librouse unha batalla na que un xeneral romano deu fin a un enfrontamento civil que levaba máis de 10 anos, en diferentes momentos, causando moitas mortes. Como resultado, este xeneral asumiu un enorme poder que lle permitiu asasinar a moitos opoñentes e cambiar algunhas estructuras do goberno romano para garantir a supremacía das clases máis altas. Quen foi este político e militar romano, e con que nome coñecemos a batalla?

II. Hai 1.979 anos, o 3 de novembro, nacía en Hispania un rapaz, sobriño dun importante filósofo romano (que mesmo sería tutor dun futuro Emperador), e que se convertería nun sobranceiro poeta, e do que conservamos un poema épico baseado en feitos reais do derradeiro século da República romana (e non en relatos mitolóxicos, como era costume). Como se chamaba este poeta, quen era seu tío, e como se titula o poema?

III. Cada 4 de novembro principiaban en Roma unhas festas, instituídas no ano 220 a.C. por un censor que mandou construír o circo no que se celebrarían (e que leva o seu nome). Estaban dedicados a un deus moi importante, constaban de nove días de espectáculos teatrais, e 3 de espectáculos de carreiras de carros. Como se chamaban o fundador dos xogos (e, polo tanto, o circo no que tiñan lugar), o deus a que estaban consagrados, e os xogos mesmos?

lunes, 1 de octubre de 2018

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXVIII-MMXIX)

Co inicio do mes de outubro arranca tamén a serie de oportunidades para engadir ata un punto á nota final do trimestre. Para conseguilo, hai que ir contestando regularmente as preguntas que, a principios de cada mes, aparecerán neste blog.

E comezamos:


I. Hai 1.988 anos, o 18 de outubro, un alto cargo do goberno imperial romano era condenado a morte e executado por orde do Senado. Este persoeiro fora da máxima confianza de certo Εmperador, ata que este decidiu retirarlla, nun intento de desligarse da impopularidade de moitas das súas accións. Como se chamaban o persoeiro e o Emperador?

II. Dous anos despois, o mesmo día, morría tamén unha muller da familia imperial romana. Disque o Emperador (o mesmo da quaestio anterior) a obrigou a deixarse morrer de inanición: era a súa sobriña política(ó mesmo tempo que filla da súa segunda esposa con outro home), e tamén nai do Emperador que o sucedería. Se desenlías ben todo isto, atoparás o nome desta muller e tamén do seu fillo.

III. O derradeiro Emperador da dinastía da que falabamos nas dúas quaestiones anteriores decidíu que cada 18 de outubro se celebraría unha festa relixiosa na honra de certa deusa, para conmemorar o aniversario da súa maioría de idade. De que Emperador falamos e a que deusa se veneraba ese día?

Initium Cursus MMXVIII-MMXIX

 
Un novo curso comeza e aquí seguimos, intentando complementar desde este blog a nosa actividade docente, ó tempo que lle damos difusión.
Como cada ano, ademais das sesións presenciais, contamos cun espazo para as materias do noso Departamento na Aula Virtual do IES Fontexería. Por outra banda, seguiremos publicando cada mes as Romanae Quaestiones (que dan opción de aumentar ata nun punto a nota final de cada trimestre). Tamén, en fin, aproveitamos esta fiestra á rede para comentar algunhas publicacións ou sitios web que nos parecen interesantes para o alumnado da materia de Latín (4º ESO e máis 1º e 2º BAC), e mesmo para o público en xeral.

viernes, 1 de junio de 2018

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXVII-MMXVIII)

Estamos no final de curso, e esta ocasión de incrementar a nota final do derradeiro trimestre atingue só ó alumnado de Latín de 4º ESO e 1º BAC, pois o de 2º BAC rematou xa as clases.

É o momento de poñerlle un bo colofón ó curso atopando a solución a estas tres quaestiones:


I. O 23 de xuño, hai 1.939 anos, morría en Roma un Emperador que chegara ó poder logo dun ano de guerra civil e no que se sucederan nada menos que catro máximos gobernantes. Formado como militar, gobernou con suavidade e colaborando co Senado; ademais, baixo o seu mando comezou a construcción dun importante edificio destinado a espectáculos públicos, que aínda se pode ver hoxe en Roma. Como se chamaba este Emperador e cales foron, segundo a tradición, as súas derradeiras palabras?



II. Cada 5 anos, o 25 de xuño comezaba en Roma a celebración duns xogos sagrados, consistentes na organización dunha cacería de touros e unha carreira de cabalos no Circo Flaminio. Foran instituídos en tempos da Monarquía na honra dos deuses do Inframundo. Como se chamaban estes xogos e que rei os instituíra?





III. O 26 deste mes, 284 anos despois, morría outro Emperador, famoso por non practicar a relixión que naqueles anos estaba a impoñerse en Roma, e que quixo restaurar os cultos antigos a nivel oficial. Morreu nunha campaña militar contra certo enemigo estranxeiro do este do Imperio. Con que nome coñecemos a este Emperador, a que relixión se opoñía e a que inimigo nos referimos?

martes, 1 de mayo de 2018

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXVII-MMXVIII)

O mes de maio é especial para o alumnado de 2º BAC: rematan as clases e, para os estudantes de Latín II, é a oportunidade final de sumar décimas á súa cualificación final. No seu caso, a puntuación das Romanae Quaestiones deste mes é dobre, xa que non poden aproveitar para este fin o mes de xuño.

Para eles e para todos, estas son as preguntas:




I. Todos os anos os romanos celebraban unhas festas relixiosas de carácter agrario na honra de certa deusa (un ano os días 17, 19 e 20, ó seguinte os días 27, 29 e 30 deste mes; e así sucesivamente). Os encargados dos ritos eran membros dunha fraternidade sacerdotal moi antiga e respetada. Os rituais duraban tres días: no primeiro, os sacerdotes reuníanse a primeira hora da mañá coa cabeza coroada de espigas; a seguir ían tomar un baño, do que saían a mediodía para celebrar un banquete no que degustaban as primicias das colleitas; o segundo día acudían a un bosque consagrado á deusa e sacrificaban dous leitóns e unha vaca, e máis tarde unha ovella; máis tarde, e logo doutros ritos, cantaban unha canción moi arcaica; o terceiro día repetíanse as cerimonias do primeiro. A que deusa estaban consagradas estas festas e como se chamaba a irmandade de sacerdotes que as conducía?



II. Cada 21 de maio, en Roma sacrificábase certo animal a un deus do inframundo, a quen se pedía protección fronte ás epidemias. De que deus se trata e que animal se lle ofrecía?




III. O 22 de abril, hai 1.681 anos morría na cidade de Nicomedia certo Emperador, decisivo na historia de Roma, que trasladara a capital do Imperio e publicara un famoso edicto autorizando o culto de certa relixión, ata daquela prohibida. Como se chamaba este gobernante e a que cidade trasladara a capital?