jueves, 3 de diciembre de 2015

Astérix e o papiro "do" César



Un ano máis acode á cita un novo álbum das aventuras de Astérix, o segundo a cargo dos continuadores da saga, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad.

O punto de partida fainos lembrar Astérix en Bélxica: se naquela ocasión Abraracurcix se encamiña cara o país dos belgas para demostrar que eles, os belgas, non son os máis afoutos da Galia, como afirmara Xulio César, agora é o propio César quen, aconsellado por un dos seus asesores, pretende eliminar un capítulo da súa obra A Guerra das Galias no que admite a existencia dunha aldea gala aínda inconquistada. Claro está que Astérix, Obélix e compañía non van permitir que iso aconteza.

Así que, de novo ficción, de novo ficción baseada nun feito histórico, que proporciona unha agradable lectura, aínda que por momentos o "divertidómetro" quedounos un pouco baixo, polo menos se o comparamos co volume anterior dos novos autores (Astérix e os pictos).

Ah, por certo: seguimos na porfía de empregar "o César" nos títulos dos álbumes. Trátase dun erro que parece xa tarde para corrixir, pero imos explicar por que é un erro: coa expresión "o César" só podemos referirnos a un Emperador romano, cousa que Xulio César non foi; ademais, nos títulos orixinais franceses non se le, por exemplo, Le papyrus du César ou Les lauriers du César, senón de César. Mais isto non nos impide disfrutar desta fantástica serie da banda deseñada, por Tutatis!

miércoles, 2 de diciembre de 2015

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXV-MMXVI)

Entramos no derradeiro mes do ano.

No mes que ven de rematar só un alumno (Iván, de 2º BAC) aproveitou a ocasión para sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre; e vai por bo camiño para sumar 1 punto, pois xa fixo o mesmo no mes de outubro.

Para el, e tamén para todos os que queiran, velaquí as Romanae Quaestiones do mes de decembro:



I. Hai 2.015 anos Roma pasaba por período de grande axitación política e social. Neste contexto, dous cargos públicos (un tribuno da plebe e un pretor) foron asasinados no decurso duns disturbios que tiñan que ver coa loita pola primacía de dúas faccións políticas. De que dous persoeiros estamos a falar e con que nomes se coñecen as dúas faccións mencionadas?




II. Cada 11 de decembro celebrábase en Roma unha festa mediante a que se conmemoraba a unión de varios poboados latinos, cada un dos cales ofrecía un sacrificio ós deuses. Con que nome coñecemos esta festa?






III. O mesmo día tamén tiña lugar outra celebración. Neste caso, sacrificábase un animal na honra dun deus moi luminoso, a quen deste xeito se pedía que o vindeiro ano non se esquecese de brillar e quentar a terra para favorecer as colleitas. A que deus se honraba nesta festa e como se chamaba a celebración?