lunes, 4 de mayo de 2015

Colleen McCullogh e a súa gran serie de novela histórica sobre a Antiga Roma


Colleen McCullough, escritora australiana falecida o pasado mes de xaneiro, deixounos un colosal traballo de novela histórica ambientada na Antiga Roma, e máis concretamente sobre o século final da República romana. Nada menos que sete novelas: unha heptaloxía (que comezou sendo unha pentaloxía, logo ampliada), publicada orixinalmente entre 1990 e 2007.

Levoume máis de un ano lelos todos, pero a experiencia pagou a pena. McCullough fixo un excelente traballo de documentación, e ademais esforzouse por trazar un retrato psicolóxico profundo de cada un  dos personaxes principais. De seguro non saberemos nunca con exactitude como eran Sila, Mario, Pompeio, César, Catón, Servilia, Bruto, Marco Antonio, Cleopatra, Octavio... Mais resulta agradable imaxinar a estes persoeiros tan coñecidos da historia romana tal e como nolos pinta a escritora.

Para quen queira achegarse á lectura destes sete libros, damos aquí unha pequena guía:

- El primer hombre de Roma (Planeta, 2007): Ten como núcleo a loita entre Lucio Cornelio Sila e Gaio Mario por ser a figura dominante da política romana.

- La corona de hierba (Planeta, 2007): Continúa a pugna entre Mario e Sila, xa maduros, e nara tamén a irrupción dunha xeración máis nova que reclama o seu lugar no poder.

- Favoritos de la Fortuna (Planeta, 2007): Aborda os anos de adolescencia e formación da forte personalidade de Xulio César.

- Las mujeres de César (Planeta, 2007): Céntrase entre os anos 63 e 58 a.C., nos que Xulio César comeza seriamente unha traxectoria encamiñada a se converter no Primeiro Home de Roma.

- César (Planeta, 2007): A escritora fabula sobre o período entre 54 e 48 a.C., ata chegar ó limiar da Guerra Civil entre César, por unha banda, e Pompeio e a oligarquía senatorial, pola outra.

- El caballo de César (Ediciones B, 2006): Abrangue desde a derrota de Pompeio e a estancia de César en Exipto, pasando polo seu asasinato, ata a derrota e morte de Casio e Bruto na batalla de Filipos.

- Marco Antonio y Cleopatra (Ediciones B, 2008): Como o seu título indica, pon o foco sobre estes dous personaxes, ó tempo que relata a ascensión de Gaio César Octaviano (máis tarde coñecido como Augusto) ó poder, dun xeito que cambiará o réxime político romano.

Todas estas novelas manteñen un pulso narrativo uniforme, cohesionando ben personaxes e feitos históricos. Quizais na derradeira se note algo de cansazo por parte da escritora, pois os retratos dos personaxes son algo máis simples. En todo caso, a quen lle guste a narrativa histórica, e sobre todo aquela que escolle como escenario o Mundo Antigo, non debe perdelas.

ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA


ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXIV-MMXV)

Rematou o mes de abril (con chuvia, igual que empezou maio). Só quedan dúas oportunidades para sumar 0,33 puntos mensuais á nota final do trimestre (1 punto en total). A ocasión do mes pasado só a aproveitaron Nerea, Gemma e Sabela (2º BAC). Por certo, que para 2º BAC este mes puntúa o dobre (0,66), xa que o seu curso non chega a xuño.

Pois estas son as quaestiones do mes de maio; mes no que, dito sexa de paso e sen que veña a contoo, os romanos non casaban, pois consideraban que traía mala sorte:



I. O 4 de maio de hai 2.025 anos un Emperador inauguraba un teatro que se comezara a construír en tempos do seu tío avó, e que non se rematara ata dous anos antes. O edificio foi dedicado ó seu sobriño e xeno, en quen este gobernante depositara grandes esperanzas de que o sucedese no poder. Como se chamaban as tres persoas implicadas na construcción deste teatro e con que nome coñecemos ese edificio?
 
II. Cada 9, 11 e 13 de maio celebrábanse en Roma unhas festas relixiosas moi particulares. Cada pai de familia erguíase a medianoite para cumprir unha serie de ritos, entre os que se incluía o de guindar ás súas costas unha manchea de fabas negras, para despois golpear algún obxecto de bronce. Como se chamaban estas festas e que obxectivo se perseguía nelas?



III. O 10 de maio, 249 anos despois da inauguración do edificio mencionado na primeira quaestio, morría un Emperador, asasinado, como tantos outros, a mans dos seus propios soldados, mentres participaba no asedio dunha cidade do nordeste italiano, famosa por ter sido durante moitos anos unha importante sede militar. De que Emperador e cidade estamos a falar?