miércoles, 8 de febrero de 2012

Roma cotidie

A este libro pásalle o mesmo que á Antiga Roma: non deixa de perder actualidade porque cada vez que nos achegamos a ela atopamos algo que segue a ser moi semellante hoxendía.

Publicado por primeira vez en EE.UU. en 1903, foi reeditado moitas veces, e desde 2010 (non era sen tempo) dispoñemos dunha traducción ó castelán.

Hai moitos libros sobre a vida cotiá dos antigos romanos, e bastantes deles son máis atractivos visualmente que estes, por estaren ilustrados con abundancia e calidade. Pero se o que queremos é atopar unha descrición concisa e clara das actividades diarias dos antigos romanos, este é o libro ó que debemos acudir: a familia, o matrimonio, a educación, a escravitude, a clientela, a casa e o seu mobiliario, a imaxe persoal, as comidas, as diversións, as viaxes, os libros, os medios de vida, os costumes funerarios e a relixión. E remata cun índice temático para poder consultar rapidamente o eido da vida cotiá que queiramos.

Imprescindible

jueves, 2 de febrero de 2012

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXI-MMXII)

Pechamos Xaneiro, que é a porta do ano, e pasamos a Febreiro. No mes anterior houbo 5 persoas que conseguiron sumar 0,33 puntos á súa nota final de trimestre. Elas foron Mariña (2º BAC), María (2º BAC), Maruxa (2º BAC), Paula (2º BAC), Bea (2º BAC) e María José (1º BAC). Para elas, e para todos os demais, este mes hai unha nova oportunidade, e para aproveitala hai que respostar correctamente a estas tres QVAESTIONES:

I. O día 4 deste mes, hai 1.801 anos, morría en certa cidade do norte de Britania (que aproximadamente 600 anos máis tarde se convertería en importante centro cultural dun Imperio europeo de curta vixencia) un Emperador romano. Disque no seu leito de morte chamou onda el ós seus dous fillos e herdeiros e deulles o consello de que, á hora de gobernar (debían facelo xuntos), mantivesen contento ó exército e non se coidasen de nada máis. Queremos saber quen era o Emperador, os seus dous fillos, e os nomes antigo e actual da cidade na que morreu.



II. Un 12 de febreiro, 170 anos antes do acontecemento da pregunta anterior, nacía un rapaz. Era fillo dun Emperador e, no mesmo momento da súa chegada ó mundo, foi proclamado herdeiro e, polo tanto, futuro Emperador. Con todo, a súa nai caíu en desgracia e foi condenada a morte. O seu pai, aínda Emperador, volveu casar, desta volta cunha muller que xa tiña un fillo dun matrimonio anterior. Este segundo rapaz foi adoptado, e á morte do seu padrastro herdou o trono. Pouco despois, a súa nai conspirou para asasinar ó seu medio irmán, cousa que conseguíu. Quen eran os dous rapaces, o Emperador e as dúas nais?





III. Cada 23 de febreiro, todos os anos, celebrábanse en Roma unhas festas na honra de certo deus. A celebración consistía en adornar con guirnaldas de flores os marcos ou límites das diferentes propiedades, e tamén en mollalos con sangue dun año ou dun leitón. De que deus se trataba e que se lle pedía con estas ofrendas?