jueves, 3 de diciembre de 2015

Astérix e o papiro "do" César



Un ano máis acode á cita un novo álbum das aventuras de Astérix, o segundo a cargo dos continuadores da saga, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad.

O punto de partida fainos lembrar Astérix en Bélxica: se naquela ocasión Abraracurcix se encamiña cara o país dos belgas para demostrar que eles, os belgas, non son os máis afoutos da Galia, como afirmara Xulio César, agora é o propio César quen, aconsellado por un dos seus asesores, pretende eliminar un capítulo da súa obra A Guerra das Galias no que admite a existencia dunha aldea gala aínda inconquistada. Claro está que Astérix, Obélix e compañía non van permitir que iso aconteza.

Así que, de novo ficción, de novo ficción baseada nun feito histórico, que proporciona unha agradable lectura, aínda que por momentos o "divertidómetro" quedounos un pouco baixo, polo menos se o comparamos co volume anterior dos novos autores (Astérix e os pictos).

Ah, por certo: seguimos na porfía de empregar "o César" nos títulos dos álbumes. Trátase dun erro que parece xa tarde para corrixir, pero imos explicar por que é un erro: coa expresión "o César" só podemos referirnos a un Emperador romano, cousa que Xulio César non foi; ademais, nos títulos orixinais franceses non se le, por exemplo, Le papyrus du César ou Les lauriers du César, senón de César. Mais isto non nos impide disfrutar desta fantástica serie da banda deseñada, por Tutatis!

miércoles, 2 de diciembre de 2015

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXV-MMXVI)

Entramos no derradeiro mes do ano.

No mes que ven de rematar só un alumno (Iván, de 2º BAC) aproveitou a ocasión para sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre; e vai por bo camiño para sumar 1 punto, pois xa fixo o mesmo no mes de outubro.

Para el, e tamén para todos os que queiran, velaquí as Romanae Quaestiones do mes de decembro:



I. Hai 2.015 anos Roma pasaba por período de grande axitación política e social. Neste contexto, dous cargos públicos (un tribuno da plebe e un pretor) foron asasinados no decurso duns disturbios que tiñan que ver coa loita pola primacía de dúas faccións políticas. De que dous persoeiros estamos a falar e con que nomes se coñecen as dúas faccións mencionadas?




II. Cada 11 de decembro celebrábase en Roma unha festa mediante a que se conmemoraba a unión de varios poboados latinos, cada un dos cales ofrecía un sacrificio ós deuses. Con que nome coñecemos esta festa?






III. O mesmo día tamén tiña lugar outra celebración. Neste caso, sacrificábase un animal na honra dun deus moi luminoso, a quen deste xeito se pedía que o vindeiro ano non se esquecese de brillar e quentar a terra para favorecer as colleitas. A que deus se honraba nesta festa e como se chamaba a celebración?

martes, 3 de noviembre de 2015

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXV-MMXVI)



Vén de rematar o mes de outubro, e só unha persoa, Iván (2º BAC), aproveitou a ocasión de sumar 0,33 puntos á súa nota final do trimestre. O resto dos alumnos aínda poden coller este tren: por iso, velaquí as preguntas do mes de novembro:

I. O 16 de novembro de hai 2.055 anos nacía un persoeiro que chegaría a ser Emperador, por moito que o seu antecesor non pensara nel como herdeiro. Xa na época rumoréabase que fora a súa nai quen dispuxera todo para que el chegara ó poder. Unha vez nel, xa cos seus anos, foi pouco a pouco abandonando os labores de goberno para disfrutar dun retiro privado, no que se dicía que daba renda solta a múltiples perversións sexuais. De que Emperador falamos e como se chamaba a súa nai?


II. O 17 de novembro, 51 anos despois do nacemento anterior, producíase outro, e tamén se trata dun futuro Emperador. Neste caso, inaugurou unha nova dinastía, e ademais deixou unha boa lembranza nos seus contemporáneos, segundo nos contan, sobre todo por contraste co goberno do seu antecesor. Tamén se di del que quixo morrer de pé. Quen son os dous Emperadores a que nos referimos?


III. E o mesmo día, 369 anos despois do nacemento do protagonista da segunda quaestio, morría outro Emperador. Neste caso, os seus contemporáneos tamén nos din del que era de bo carácter: xa cristián, amosouse tolerante cos paganos, a pesar de ter sido desterrado polo seu antecesor por negarse a celebrar sacrificios na honra dos deuses tradicionais romanos. De novo, cales son os dous Emperadores a que aludimos?

viernes, 2 de octubre de 2015

Aliqua nomina locorum nostrum

Como prólogo ó traballo que imos facer sobre Toponimia no curso de 2º de Bacharelato, velaquí deixo unha pequena presentación na que se pode ver a base etimolóxica dalgúns dos nomes de lugar da nosa bisbarra:



jueves, 1 de octubre de 2015

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXV-MMXVI)

Estamos nas Kalendae do mes de outubro (día 1, no noso calendario).

Iso quere dicir que chegou o tempo de ofrecer ós alumnos de Latín de todos os cursos a posibilidade de aumentar ata en 1 punto a nota global do trimestre.

Para iso haberá que atopar, correcta e puntualmente, as respostas ós pequenos enigmas que mensualmente aparecerán neste blog. Hanvos axudar habilidades básicas: saber sumar, restar e, sobre todo, buscar axeitamente na rede.

Estes son os enigmas correspondentes a este mes de outubro:


I. Hai 2.220 anos, o 6 de outubro, un exército romano sufríu a perda de 80.000 soldados fronte a unha coalición de inimigos estranxeiros. Esta desfeita trouxo como consecuencia unha reorganización das forzas militares romanas, co fin de facelas máis profesionais. Con que nome se coñece a batalla, que pobos derrotaron nela ós romanos e quen foi o artífice da reforma do exército?








II. O mesmo día, o 6 de outubro, 509 anos despois, morría certa dama de moito carácter, esposa dun Emperador romano, sobre o que exerceu moita influencia. De que Emperador e Emperatriz estamos a falar?







III. E de novo un 6 de outubro, 385 anos antes da morte da dona mencionada na quaestio anterior -e 124 anos logo da gran derrota romana citada na primeira quaestio-, morría en Siria un persoeiro moi querido polo pobo romano, sobriño do daquela Emperador; de feito, moitos sospeitaron que o propio Emperador o mandara envenenar por envexa da súa popularidade. Como se chamaban estes tío e sobriño?



AVDACES (ET TENACES)  FORTVNA ADIVVAT

jueves, 17 de septiembre de 2015

Novo curso // Santiago Posteguillo

Pasaron os idus de setembro e comeza un novo curso, no que pretendemos seguir dando vida a este blog: comunicar asuntos académicos, propoñer pequenos retos culturais relacionados coa civilización da Antiga Roma, comentar libros relacionados co noso campo de saber...

Falando de libros...

Hai xa varios anos que esta triloxía de Santiago Posteguillo ven tendo un notable éxito de ventas. Está composta por estes tres libros, publicados por Ediciones B entre 2006 e 2009: Africanus, el hijo del cónsul, Las legiones malditas e La traición de Roma.  A historia céntrase na figura de Publio Cornelio Escipión, alcumado "Africano", que foi quen de derrotar á maior ameaza que sentira Roma desde que se convertera nunha potencia en expansión polo Mediterráneo: o cartaxinés Aníbal Barca e o seu exército. Durante os tres libros coñecemos extensamente a Escipión (e outros membros da súa familia) desde a súa infancia ata a súa morte.

Da lectura destas obras (que se fai moi amena, vaia por diante) despréndese que Posteguillo fixo un traballo de documentación moi importante (baseándose, entre outros historiadores, no grego Polibio e no romano Tito Livio). Tamén é evidente que o autor exhibe axilidade narrativa, o que axuda a seguir a abraiante historia deste persoeiro romano: educado no seo dunha familia sobranceira na nobreza romana e con presencia no goberno da República, formado como militar no campo de batalla a través de experiencias non sempre agradables, posuidor dun espírito moi firme, moi capacitado para a análise dos problemas militares, ambicioso como político, loitador polas súas ideas e a súa familia fronte ós seus opositores na propia Roma... Todas esas cualidades levárono á obter unha grande victoria sobre Cartago e ser a figura dominante durante un tempo na política romana, ata que... Mellor non descubrir nada; só diremos que a vida de Escipión está tan chea diso que chamamos ironías do destino, que é moi digna do tratamento novelesco que lle dedica Santiago Posteguillo. Un único pero: ás veces á narración peca de ser demasiado repetitiva e explicativa: semella que o autor tivo como obxectivo primordial que o lector non se perdera diante do desfile dun bo número de personaxes. E iso está conseguido, aínda que a forza de ser en ocasións prolixo.

En todo caso, unha lectura máis que recomendable para ir arrancando este curso e así entrar de cheo na materia que nos ocupará durante os vindeiros meses:

ROMA
 


lunes, 1 de junio de 2015

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXIV-MMXV)

Xa rematou maio, e con el a penúltima ocasión de aumentar a nota final do trimestre en 0,33 puntos. E co derradeiro mes do curso ven tamén a oportunidade final. Animádevos, e facede como Iván (1º BAC), Nerea (2º BAC) e Gemma (2º BAC), que respostaron ás quaestiones do mes anterior. Velaquí as deste mes de xuño:



 
O 5 de xuño, hai 2.479 anos, era inaugurado en certo outeiro de Roma un templo dedicado a unha divinidade encargada de velar polos xuramentos. Como se chama o deus, en que outeiro estaba o seu templo e que persoeiro levou a cabo esta iniciativa?



O 8 de xuño, 251 anos despois da inauguración do templo aludido na quaestio anterior, entraba en servizo outro, neste caso como ofrenda para gañar o favor de dúas divinidades logo dunha gran derrota dos exércitos romanos a mans dun inimigo estranxeiro. A que deuses se dedicou ese templo, con que nome coñecemos a batalla perdida polos romanos e de que inimigo se trataba?


433 anos despois da batalla mencionada na segunda pregunta, o 8 de xuño, tivo lugar outra. Nela as tropas dun Emperador foron vencidas polas que apoiaban a un candidato ó trono que, por conseguinte, o sustituíu no poder. Ós poucos días, o gobernante derrotado foi capturado e executado. De que dous Emperadores falamos e con que nome se coñece a batalla que libraron?

lunes, 4 de mayo de 2015

Colleen McCullogh e a súa gran serie de novela histórica sobre a Antiga Roma


Colleen McCullough, escritora australiana falecida o pasado mes de xaneiro, deixounos un colosal traballo de novela histórica ambientada na Antiga Roma, e máis concretamente sobre o século final da República romana. Nada menos que sete novelas: unha heptaloxía (que comezou sendo unha pentaloxía, logo ampliada), publicada orixinalmente entre 1990 e 2007.

Levoume máis de un ano lelos todos, pero a experiencia pagou a pena. McCullough fixo un excelente traballo de documentación, e ademais esforzouse por trazar un retrato psicolóxico profundo de cada un  dos personaxes principais. De seguro non saberemos nunca con exactitude como eran Sila, Mario, Pompeio, César, Catón, Servilia, Bruto, Marco Antonio, Cleopatra, Octavio... Mais resulta agradable imaxinar a estes persoeiros tan coñecidos da historia romana tal e como nolos pinta a escritora.

Para quen queira achegarse á lectura destes sete libros, damos aquí unha pequena guía:

- El primer hombre de Roma (Planeta, 2007): Ten como núcleo a loita entre Lucio Cornelio Sila e Gaio Mario por ser a figura dominante da política romana.

- La corona de hierba (Planeta, 2007): Continúa a pugna entre Mario e Sila, xa maduros, e nara tamén a irrupción dunha xeración máis nova que reclama o seu lugar no poder.

- Favoritos de la Fortuna (Planeta, 2007): Aborda os anos de adolescencia e formación da forte personalidade de Xulio César.

- Las mujeres de César (Planeta, 2007): Céntrase entre os anos 63 e 58 a.C., nos que Xulio César comeza seriamente unha traxectoria encamiñada a se converter no Primeiro Home de Roma.

- César (Planeta, 2007): A escritora fabula sobre o período entre 54 e 48 a.C., ata chegar ó limiar da Guerra Civil entre César, por unha banda, e Pompeio e a oligarquía senatorial, pola outra.

- El caballo de César (Ediciones B, 2006): Abrangue desde a derrota de Pompeio e a estancia de César en Exipto, pasando polo seu asasinato, ata a derrota e morte de Casio e Bruto na batalla de Filipos.

- Marco Antonio y Cleopatra (Ediciones B, 2008): Como o seu título indica, pon o foco sobre estes dous personaxes, ó tempo que relata a ascensión de Gaio César Octaviano (máis tarde coñecido como Augusto) ó poder, dun xeito que cambiará o réxime político romano.

Todas estas novelas manteñen un pulso narrativo uniforme, cohesionando ben personaxes e feitos históricos. Quizais na derradeira se note algo de cansazo por parte da escritora, pois os retratos dos personaxes son algo máis simples. En todo caso, a quen lle guste a narrativa histórica, e sobre todo aquela que escolle como escenario o Mundo Antigo, non debe perdelas.

ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA ROMA


ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXIV-MMXV)

Rematou o mes de abril (con chuvia, igual que empezou maio). Só quedan dúas oportunidades para sumar 0,33 puntos mensuais á nota final do trimestre (1 punto en total). A ocasión do mes pasado só a aproveitaron Nerea, Gemma e Sabela (2º BAC). Por certo, que para 2º BAC este mes puntúa o dobre (0,66), xa que o seu curso non chega a xuño.

Pois estas son as quaestiones do mes de maio; mes no que, dito sexa de paso e sen que veña a contoo, os romanos non casaban, pois consideraban que traía mala sorte:



I. O 4 de maio de hai 2.025 anos un Emperador inauguraba un teatro que se comezara a construír en tempos do seu tío avó, e que non se rematara ata dous anos antes. O edificio foi dedicado ó seu sobriño e xeno, en quen este gobernante depositara grandes esperanzas de que o sucedese no poder. Como se chamaban as tres persoas implicadas na construcción deste teatro e con que nome coñecemos ese edificio?
 
II. Cada 9, 11 e 13 de maio celebrábanse en Roma unhas festas relixiosas moi particulares. Cada pai de familia erguíase a medianoite para cumprir unha serie de ritos, entre os que se incluía o de guindar ás súas costas unha manchea de fabas negras, para despois golpear algún obxecto de bronce. Como se chamaban estas festas e que obxectivo se perseguía nelas?



III. O 10 de maio, 249 anos despois da inauguración do edificio mencionado na primeira quaestio, morría un Emperador, asasinado, como tantos outros, a mans dos seus propios soldados, mentres participaba no asedio dunha cidade do nordeste italiano, famosa por ter sido durante moitos anos unha importante sede militar. De que Emperador e cidade estamos a falar?

lunes, 6 de abril de 2015

National Geographic e Roma

A revista da National Geographic Society fainos un fermoso agasallo neste mes de abril.

O seu número ordinario inclúe unha moi interesante reportaxe sobre a Columna Traxana: nel podemos saber os motivos da súa erección, o xeito como se construíu, e varias teorías interpretativas sobre o releve en espiral que a cobre. Todo acompañado dunhas ilustracións coa calidade propia desta revista.

Ademais, nun número especial, NGS ofrécenos un completo estudio sobre a cidade de Roma ó longo da Historia: desde a súa fundación, pasando polo seus momentos de esplendor e decadencia (Idade Antiga e Idade Media), ata chegar á Idade Moderna e Contemporánea. Nesta revista recóllense diferentes artigos que, en xeral, fan moi recomendable a súa lectura.


Unha ledicia, vaia.



Un blog interesante: imperioromano.com

No blog imperioromano.com pódese atopar información interesante sobre varios aspectos da civilización romana antiga.

Por iso recomendamos a súa visita, e tamén o engadimos á lista de enlaces da esquerda do noso blog.


ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXIV-MMXV)

A piques de comezar o derradeiro treito do curso, ofrecemos este mes de abril unha nova ocasión de aumentar nun 0,33 a nota final do trimestre (ata 1 punto no global do mesmo). Para iso, como cada mes, haberá que atopar as respostas ás seguintes quaestiones sobre a civilización romana:



 

I. O 8 de abril de hai 2.067 anos celebrouse en Roma o proceso contra un político acusado de provacar serios disturbios na cidade, sobre todo en época de eleccións. Foi defendido polo máis famoso orador romano, cun discurso que hoxe conservamos nunha versión reelaborada polo propio autor. Como se chamaban o político, o seu defensor, e con que título coñecemos o devandito discurso?





II. O mesmo día, 198 anos despois, nacía en certa cidade do norte de África un rapaz que chegaría a ser Emperador, e que mesmo ía fundar unha nova dinastía, poñendo fin a unha época na que o cargo de máximo gobernante do Imperio era un seguro de morte temperá. O eixo da súa política foi o reforzamento do poder militar, cunha xefatura forte en mans do Emperador. De quen estamos a falar e en que cidade naceu?




III. Precisamente o mesmo día, 71 anos despois, morría asasinado por un dos centurións da súa garda persoal un Emperador da dinastía fundada polo protagonista da anterior quaestio. A que Emperador nos referimos?

lunes, 23 de marzo de 2015

Nuntiationes ad Quartum Cursum

Como vos prometín, aquí tedes as notas do exame que fixemos esta mañá. Os vosos nomes figuran só coas iniciais para protexer a vosa privacidade.


Para as notas finais do trimestre, falamos mañá. Iso si: un AVISO URXENTE para U. M. T.: se non fas os cuestionarios que che faltan (e tes ata esta noite para facelos), suspendes o trimestre.


sábado, 21 de marzo de 2015

PowToon sobre a Oratoria romana

Aquí deixo unha pequena animación que pode servir como guía para fixar na memoria (si, na memoria, que segue a ser necesaria) algúns conceptos básicos sobre o xénero literario da Oratoria en Roma e a figura de Marco Tulio Cicerón.


lunes, 2 de marzo de 2015

ROMANAE QVAESTIONES (MMXIV-MMXV)-VI



O pasado mes de febreiro só Nerea, Gemma e Sabela, todas de 2º BAC, aproveitaron a oportunidade mensual de sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre. Para elas, e para todos os demais alumnos de Latín do IES Fontexería, aquí están as preguntas do mes de marzo:
 
I. O 7 de marzo, hai 1.854 anos, morría, víctima dunha indixestión de queixo, un dos Emperadores que mellor lembranza deixou entre os romanos, ata o punto de dicirse que foi case o único en gobernar sen mandar asasinar a ningún dos seus concidadáns. Tras a súa apoteose (decreto do Senado polo que un Emperador era divinizado), compartíu un templo no Foro Romano coa súa esposa. De que Emperador se trata e como se chamaba a súa esposa?



I. 302 anos antes, o 10 de marzo, un cónsul romano vencía nunha batalla coa que se poñía punto final á primeira de tres guerras que Roma mantería cun inimigo temible, e que, na segunda delas, a piques estivo de derrotala. A que serie de guerras nos referimos, como se chamaba o cónsul, e con que nome coñecemos a esa batalla?


III. Finalmente, 61 anos despois da morte do Emperador mencionado na primeira quaestio, era asasinado por soldados do exército outro emperador. Accedera ó trono a unha idade bastante cativa, mais moi cedo os seus excesos fixérono moi odiado; de feito, o seu cadáver foi guindado ó río Tíber. Como se chamaba este Emperador e a que idade se converteu en tal?

lunes, 2 de febrero de 2015

Odisea 2015 (III)

Rematou xa o concurso para os grupos do noso Centro, e estivemos a piques de conseguir acudir ó desempate.

Tres dos nosos catro grupos obtiveron 75 puntos de 77 posibles, xa que o xurado non deu por válida unha das respostas do "preguntón" do xoves. Fíxose unha reclamación, que non foi estimada pola organización do concurso; non compartimos o criterio que se empregou, pero non nos queda máis que acatar a decisión. Por certo, que agradecemos ós organizadores, un ano máis, a posta en marcha desta iniciativa, que serve para que as nosas materias, tan maltratadas no currículo educativo, se fagan visibles nas comunidades educativas.

Así que desde aquí este profesor non ten máis que expresar a súa gratitude ós alumnos participantes polo seu esforzo, e agardar con ilusión ó vindeiro ano.




domingo, 1 de febrero de 2015

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXIV-MMXV)



Pasou outro mes, e xa está aquí febreiro, cunha nova oportunidade para sumar ata 0,33 puntos á nota final do trimestre.

Sen máis dilación, estas son as quaestiones deste mes:



Hai 2.027 anos, o 12 de febreiro, morría en Roma un importante persoeiro da política romana. Fora o principal amigo e colaborador do primeiro Emperador, sobre todo en asuntos militares, ata o punto de que chegou a ser considerado como sucesor; para iso, ademais, casara coa filla do seu amigo. De que dous persoeiros estamos a falar?







53 anos despois da morte referida na quaestio anterior, tamén o 12 deste mes, nacía un rapaz que, por ser fillos de Emperador, estaba destinado a selo el tamén, se non fose porque a súa madrastra -por certo, sospeitosa de asasinar ó Emperador mediante unha cea a base de cogumelos-, influíu para que o fillo dela ocupase o seu lugar. Queremos o nome do Emperador, a súa esposa, o sucesor previsto e o sucesor real.




 

O 13 de febreiro, 516 anos antes do nacemento ó que aludiamos na pregunta anterior, producíase un feito que parece máis lenda que real: unha familia romana ofreceuse para encargarse ela soa da guerra que Roma mantiña contra a cidade que daquela era a capital de Etruria. Segundo parece, os 306 membros desa familia (todos menos un, que quedara en Roma debido á súa curta idade), morreron nunha emboscada. A que familia nos referimos e como se chamaba a cidade rival de Roma nesta guerra?