sábado, 3 de diciembre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES III (MMXI-MMXII)




Comezamos o derradeiro mes do ano, e con el unha nova oportunidade para os alumnos que seguen este blog de sumar ata un 0,33 á súa nota final do trimestre. Para iso, como sempre, hai que averiguar a resposta a tres preguntas sobre acontecementos da antiga Roma dos cales se cumpre algún cabodano.



Iso foi o que fixeron, no mes de novembro, María José (1º BAC), Sheila (1º BAC), Mariña (2º BAC), Paula (2º BAC), Maruxa (2º BAC), Isa (2º BAC) e María (2º BAC). Debería cundir o exemplo, pero alá vós.



As QVAESTIONES deste mes son as seguintes:














I. O 21 de decembro de hai 1.972 anos un Emperador romano -o terceiro dos catro que habería nese caótico ano- foi derrotado polas tropas do seu sucesor. E non só iso, senón que foi arrastrado polas rúas de Roma, golpeado e asasinado pola multitude; finalmente, o seu cadáver foi guindado ó Tíber. Quen era este Emperador, quen foi o seu sucesor, e quen os seus dous antecesores no cargo o mesmo ano?














II. O 23 de decembro de cada ano celebrábanse en Roma unhas festas relixiosas. Nelas ofrecíase un sacrificio a certo personaxe feminino, esposa de certo pastor, que se fixo cargo da crianza de dous rapaces moi vencellados á fundación da cidade. Queremos saber como se chamaban o pastor e a súa muller e, por suposto, con que nome se coñecían estas festas














III. Hai 1.737 anos certo Emperador estableceu que cada 25 de decembro Roma debía render culto ó Sol, deidade que ata aquel momento era pouco importante entre a multitude de deuses ós que adoraban os romanos. O gobernante ó que nos referimos estableceu que desde entón nesa data a adoración ó Sol debía ter maior protagonismo, e para iso deulle un novo nome, aproveitando unha festa propia da relixión siria. Quen era este Emperador e como denominou a ese novo culto?

viernes, 2 de diciembre de 2011

Romani eorumque Dei



Los romanos y sus dioses (Alianza Editorial, 1995) é un libro no que Robert M. Ogilvie describe con precisión e brevidade como era a relación dos romanos cos seus deuses: a súa xerarquía e importancia na vida pública e privada, as oracións que lles dirixían, os medios de adiviñar a súa vontade... É moi de agradecer tamén o capítulo que lle dedica ó calendario de festas relixiosas, comentando as máis importantes mes a mes; e explica tamén moi ben a composición e funcións dos diferentes colexios ou gremios sacerdotais. E todo en a penas 150 páxinas dun libro de peto.




miércoles, 2 de noviembre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXI-MMXII)




Como adoita acontecer hai moito tempo máis ou menos por estas datas, rematou outubro. E outubro é o primeiro mes no que podemos facer balance da oferta que tedes neste blog para aumentar ata nun punto a vosa nota final de trimestre. Lembrade: cada mes aparecerán tres preguntas neste blog relacionadas con acontecementos da Antiga Roma dos que se cumpre o seu aniversario. Se investigades con acerto e certa calma (tedes todo un mes para iso), poderedes sumar 0,33 puntos ó mes; multiplicando esa cifra por tres, obtedes 0,99, cantidade que, graciosamente, será redondeada en 1.




No mes que ven de rematar, Alba (1º BAC) ten xa acumulados 0,22 puntos, mentres que o máximo de 0,33 foi conseguido por Mª José (1º BAC), Sheila (1º BAC), Mariña (2º BAC), Maruxa (2º BAC) e María (2º BAC).




Despois de toda esta información, as Romanae Quaestiones do mes de novembro son estas:














I. O 3 de novembro de hai 1.972 anos nacía, nunha cidade do sur de Hispania que séculos máis tarde se faría moi famosa por un espectacular templo musulmán, un poeta. A súa familia estaba ben situada: era sobriño dun intelectual e filósofo que tivo ó seu cargo a educación dun Emperador aficionado á música e, segundo din, ó lume. Das súas obras (das do poeta, queremos dicir), só conservamos unha. Debedes buscar o nome completo deste autor literario, o do seu tío, e o do Emperador (para este último abonda co apelativo polo que é máis coñecido).












II. Certo avogado que hai 2.054 anos foi asasinado polo amante da máis famosa raíña de Exipto de todos os tempos, pronunciou, dous anos antes de morrer, un discurso xudicial na defensa dun rei oriental, que estaba acusado de tentar asasinar ó máis importante político da época (que, por certo, sería realmente asasinado a penas un ano despois). Queremos saber o nome do avogado, o do acusado, e o título co se que coñece o seu discurso.












III. Comezabamos cun poeta, e rematamos con outro. Hai 1.949 anos, un 24 de novembro, morría certo autor de versos latinos, por causa dunha enfermidade estomacal. A obra que conservamos del é moi cativa, pero pertence a un xénero literario que os romanos consideraban exclusivamente orixinal seu, libre de influencias gregas. Quen era este poeta e como se titulaba a súa obra?

Pulchrum vinculum!

É ben certo que o buscador de imaxes de Google é unha potente ferramenta. Con todo, á hora de buscar imaxes da Roma antiga, Maecenas permite acceder a un número considerable de fotografías relacionadas coa Cidade Eterna e o Imperio Romano.










O aspecto gráfico que ofrece non está moi traballado, pero resulta cómodo navegar por esta páxina, e permítenos disfrutar de vistas, como esta do Panteón de Agripa, hai xa uns cantos anos, se xulgamos polos vehículos que se ven diante e nun lateral:







martes, 4 de octubre de 2011

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXI-MMXII)

Como xa sabedes moitos de vós, cada mes é posible aumentar ata en 0,33 puntos a nota final do trimestre se contestades correcta e individualmente a tres preguntas que aparecerán neste blog. Todas elas terán que ver con acontecementos da historia da Antiga Roma dos cales se cumpre algún aniversario. Como se pode comprender doadamente, se sodes constantes, a final do trimestre podedes sumar ata 1 punto á nota resultante dos exames e exercicios.


Pois no mes de outubro non é necesario ir máis aló do primeiro día para atopar efemérides romanas. Velaí van:










I. Hai 2.097 anos nacía, na vila de Amiterno, o primeiro historiador romano do cal conservamos unha cantidade de texto apreciable. En concreto, trátase de tres monografías, dúas delas centradas en dous personaxes de certa importancia para a Historia de Roma, e outra de ámbito máis xeral (esta perdeuse na súa maior parte). Por suposto, pedimos o nome completo do historiador e o título das súas obras.
















II. Nada menos que 294 anos despois, naceu un rapaz que, sen deixar de selo (ós 13 anos), chegaría a ser Emperador, gracias a que previamente fora adoptado como fillo polo seu curmán, o Emperador anterior, de nome certamente solar. Quen eran estes dous Emperadores e entre que datas gobernaron?
















III. Todos os días 1 de outubro, tres sacerdotes dedicados, respectivamente, ó culto a Xúpiter, Marte e Rómulo (divinizado como fundador da cidade), ían nun carro descoberto a un templo de certa deusa para ofrecerlle un sacrificio. Mentres oficiaban, mantiñan a man dereita, consagrada a esa deusa como símbolo de compromiso, envolta nun pano branco. De que deusa se trataba e como se chamaban, xenericamente, eses tres sacerdotes?




SAPIENTIA VOBIS ADSIT!

Novum initium! Avete!






Novum cursum incipimus! Avete omnes, alumni navigatoresque!



Pois si: aquí estamos de novo, o cal, en principio, é bo sinal.



Este ano, como os anteriores... achegarémonos de varias maneiras á lingua latina e á cultura de Roma, a través das nosas clases de 4º ESO, 1º BAC (dous grupos) e 2º BAC. Un total de 45 alumnos.



Que dicir dos primeiros días? Pois que un cóctel interesante de caras novas e... non direi vellas, senón xa coñecidas.



Que se pretende para todos? Nada novo, en esencia: é o que teñen o Latín e a Antiga Roma, pois levan moito tempo estando aí e, contra o que algúns pensen, seguirán a estar.



Nada novo en esencia, diciamos, mais si miradas novas a un campo do saber que, crédeo, paga moito, pero que moito a pena.



Un bo exemplo é o libro Gabinete de curiosidades romanas, de J. C. McKeown (Crítica, 2011): un feixe de anécdotas extraídas das fontes da propia Antigüidade (historiadores, xuristas, poetas...) . Moitas delas son xa coñecidas polos iniciados, pero outras moitas non o son tanto. Por iso pode ser un xeito moi agradable de mergullarse na Antiga Roma: un baño do máis saudable.



Máis nada de momento.




Valete. Cito redibimus!






sábado, 18 de junio de 2011

Pronominalis Saltatio

Musica iterum!






Haec est Pronominalis Saltatio, ab alumnis Secundi Cursus Baccalaureatus quoque canta.









Pois iso: que aquí deixamos a Pronominalis Saltatio (ou Rock Pronominal), que tiveron a ben cantar e gravar (coa mesma indumentaria que na anterior canción) os rapaces de 2º BAC.






Agora só falta que se animen os dos demais cursos!






Carmen Declinativum: Nova versio

Hic est nova versio Carminis Declinativi, ab alumnis Secundi Cursus Baccalaureatus canta.


Spero ut vobis grata sit.


Iterum iterumque gratias maximas vobis ago.




Pois si: aquí está xa a nova versión do Carmen Declinativum, cantada polos alumnos de 2º de Bacharelato deste ano, convenientemente vestidos para a ocasión. E, para que ninguén se perda, con subtítulos.




Mais non remata aquí a cousa: en breve, o Rock Pronominal (tal e como promete o final do Carmen Declinativum, por outra parte).




viernes, 17 de junio de 2011

Qualificationes Primi Cursus Baccalaureatus!



Aquí vos deixo esta táboa de notas, que debedes interpretar como segue.

Na primeira columna, empezando pola esquerda, están os vosos nomes en iniciais.

Na segunda aparecen as notas do exame de hoxe á mañá.

Na terceira columna puxen as notas do que sería o 3º trimestre, logo de combinar a nota do exame coas dos exercicios (cuestionarios, frases e demais) e a actitude. Lembrade que a proporción é un 60% para o exame, un 25% para os exercicios, e un 15% para a actitude.

Finalmente, na derradeira columna tedes a nota final de xuño, agás nos casos sinalados en vermello. Eses alumnos deberán facer un exame máis, o vindeiro xoves día 23, e que terá un formato case idéntico ó de hoxe.

Para calquera dúbida que teñades, estou á vosa disposición desde o luns a segunda hora da mañá. Xa sei que tedes exames, pero se me buscades, son doado de atopar: na Biblioteca

lunes, 6 de junio de 2011

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-IX


Co final do mes de maio rematou tamén a posibilidade de sumar 0,33 puntos á nota final deste trimestre. Con todo, esa ocasión non foi desaproveitada por Mª José (4º ESO), Sheila (4º ESO), Mariña (1º BAC), María (1º BAC) e Isa (1º BAC).

Para elas, e tamén para todos os demais, aquí van as derradeiras ROMANAE QVAESTIONES deste curso. Mihi placuit maxime ut laboraveritis! (ou sexa, que foi un pracer facervos traballar...). Lembrade: 0,33, 0,33, 0,33, 0,33, 0,33, 0,33...












I. Cada 11 de xuño, as mulleres romanas univirae ían ó templo de certa deusa a renderlle homenaxe mediante uns ritos que hoxe nos parecen estranos: facían entrar no templo a unha escrava para botala fora a golpes; logo, pregaban á deusa polos seus sobriños, ós que levaban no colo. Que significa univirae e a que deusa me estou a referir?















II. Hai 2.051 anos, o 13 de xuño, nacía un xeneral romano de cognomen bastante rural que obtivo sona no seu tempo por ter participado no sometemento definitivo da illa de Britannia ó Imperio Romano. A súa vida énos moi coñecida porque certo historiador romano -para moitos estudiosos o máis sobranceiro- casou coa súa filla e escribíu a súa biografía. De que xeneral estamos a falar e como se chamaba o seu biógrafo?









III. O 26 deste mes, hai 1.648 anos, morría nunha batalla contra os persas un Emperador romano que foi único na súa época, pois cando chegou ó trono tomou certa decisión importante en materia relixiosa. O alcume co que é coñecido na Historia refírese precisamente a esa posición que tomou. Quen era este emperador e que significa exactamente o seu alcume?

martes, 10 de mayo de 2011

Qualificationes Secundi Cursus Baccalaureatus

Dilecti alumni Secundi Cursus Baccalaureatus:




Hae sunt qualificationes ab examine quod hodie effecistis. Videre quoque poteritis qualificationes ultimae partis cursus; etiam apparent qualificationes definitivae huius anni. De eis quaestiones quaslibet, cras







Ou sexa, que velaquí tedes as notas do exame de hoxe. Tamén vos poño, logo de ter en conta os cuestionarios e a actitude, a final do 3º trimestre (hipotética, pois non figura nos boletíns de notas). Na derradeira columna tedes a nota final do curso, despois de realizar unha media ponderada dos tres trimestres, dando algo máis de peso á nota do trimestre definitivo.


Para calquera dúbida que teñades, estou á vosa disposición estes días no Centro.


lunes, 2 de mayo de 2011

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-IX



Achégase o fin do curso. Quizais algúns de vós precisen ir acumulando puntos pensando na nota final. Polo menos, iso é o que andaban pensando Mª José (4º ESO) e Isa (1º BAC), pois elas resolveron correctamente as preguntas do mes pasado: xa teñen 0'33 puntos máis cada unha delas.



As quaestiones deste mes son as seguintes:







I. Hai 2.009 anos, un 12 de maio, certo persoeiro romano, que 44 anos antes vencera nunha batalla ós asasinos do seu tío avó, inaugurou un templo situado nunha praza que el mesmo mandou construír. Quen inaugurou o templo, a que deus estaba dedicado, e que batalla conmemoraba?













II. Todos os anos, cada 23 de maio, os artesáns fabricantes de certos instrumentos musicales de vento-metal celebraban unha festa na que purificaban ritualmente eses instrumentos, na honra do deus que patrocinaba a súa actividade e que, segundo a tradición, vivía en certo volcán da illa de Sicilia. De que instrumentos musicais estamos a falar, que deus interviña neste rito, e como se chama o volcán?













III. O 25 de maio de hai 2.026 anos nacía un neno que non chegaría a ser Emperador, pero que sería pai dun e avó doutro, ademais de conseguir importantes éxitos militares no norte de Europa, debido ós cales recibíu o alcume polo é máis coñecido. A que persoeiro nos referimos, e quen foron os dous descendentes mencionados?

miércoles, 6 de abril de 2011

Carmen Declinativum: Nova Versio

Gravada a finais do curso pasado polos alumnos de Latín de 4º da ESO, a quen lles agradezo sinceramente a súa colaboración, esta é a nova versión do Carmen Declinativum, co que apredemos os casos latinos e as desinencias das dúas primeiras declinacións.

Nesta ocasión, o video ten subtítulos, por se a alguén se lle ocorre facer karaoke.

martes, 5 de abril de 2011



Anunciamos con ledicia a posta en marcha, na Aula Virtual do noso Centro, de tres cursos de Latín: están deseñados para 4º ESO, 1º BAC e 2º BAC, aproveitando as utilidades da Plataforma Moodle, na que se basea esa Aula.

Como saben os alumnos, os cursos levan xa un par de meses funcionando, aínda que ata este momento non estaban a disposición dos internautas todos os materiais.

Os cursos teñen as mesmas denominacións que as libretas que editamos a modo de libros de texto: Ad Latinitatem (4º ESO), Latinitas Nostra I (1º BAC) e Latinitas Nostra II (2º BAC). Están divididos, de novo igual que as libretas, en 12 Lectiones ou Unidades Didácticas. Neles aparecen todos os materiais preparados para o seu seguemento case día a día: textos, presentacións audiovisuales, webs de elaboración propia, e tamén enlaces interesantes e relacionados coas materias. Finalmente, cada Lectio é obxecto de valoración a través da cumprimentación obrigatoria por parte do alumno dunha serie de cuestionarios que ofrecen, a maior parte deles, a calificación de forma inmediata.

No Departamento estamos moi ledos (id est, estou moi ledo) de ter conseguido botar a andar este novo medio para as relacións académicas cos alumnos, e agardamos que resulte útil para todos. Pouco a pouco, agardamos, iremos mellorando o servicio, corrixindo os erros que poida haber, e aportando novas ideas.

Estes son os enlaces para os cursos, que quedarán incorporados na sección Vincula deste blog (na columna da esquerda):

Ad Latinitatem (4º ESO)
Latinitas Nostra I (1º BAC)
Latinitas Nostra II (2º BAC)


DOCENTIAE SEMPER FIDELES

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-VII

Aínda que os boletíns de notas aínda non foron entregados, no Departamento de Latín xa demos por rematado o trimestre, co cal as ROMANAE QVAESTIONES do mes de marzo xa cumpriron a súa función. Sobre todo para Mª José (4ª ESO) e Mariña (1º BAC), que as contestaron.

Por moito dicilo e avisalo non será: comeza o derradeiro trimestre, o máis decisivo en moitos casos, e as ROMANAE QVAESTIONES son unha boa oportunidade para sumar ata 1 punto na nota final. Vós veredes (claro que para iso hai que visitar o blog).

Para este mes de abril, estas son as preguntas:

I. O 6 deste mes, hai 1.609 anos, un xeneral romano, pero de orixe bárbara, venceu en certa batalla a outro xeneral, este bárbaro (visigodo, por máis señas), quen oito anos despois saquearía a cidade de Roma. E isto aconteceu 800 anos xustos logo de que un inimigo estranxeiro o fixera por última vez ata ese momento. Quen era o xeneral vencedor, con que nome se coñece a batalla, quen era o xeneral visigodo, e que inimigo estranxeiro saqueara Roma anteriormente?






II. Un 8 de abril, 185 anos antes da batalla mencionada na anterior quaestio, morría un Emperador, coñecido por un alcume que aludía a unha prenda de vestir de orixe gala, e que sempre levaba posta. A que alcume nos referimos, cal era o nome auténtico do Emperador, e como morreu?






III. Cada 28 de abril, en Roma celebrábanse unhas festas na honra de certa deusa. Eran especialmente queridas polos panadeiros e muiñeiros. Nelas facíase participar ós asnos e ás pedras de muíño, adornando a uns e outras con guirnaldas de flores e deixándolles descansar ese día. Como se chamaban as festas e a que deusa estaban dedicadas?

viernes, 4 de marzo de 2011

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-VI

Xa concluímos un mes máis do curso, e falta menos da metade para rematar. Tamén é certo que estamos nunha fase na que os rapaces se xogan unha porcentaxe importante do resultado final que han de acadar. Por iso, razón de máis para aproveitar a oportunidade que desde este blog vos ofrezo de aumentar ata un punto a nota final do trimestre. Xa houbo quen o fixo este mes de febreiro que ven de rematar: Mª José (4º ESO), Mariña (1º BAC), Paula (1º BAC) e Isa (1º BAC) sumaron un tercio do punto.

Para elas, e para todos os demais, estas son as preguntas do mes de marzo:

I. O 1 de marzo de hai 2.097 anos, un xeneral romano pertencente a unha rama da mesma familia que o vencedor de Aníbal conquistaba unha importante cidade grega na que se atopa un fermoso templo que ten por columnas unhas figuras femininas. Cal era o nome completo do xeneral, de que cidade se trataba e a que templo nos referimos?



II. Máis tarde, concretamente 41 anos despois, un 17 de marzo, outro xeneral a quen o da pregunta anterior lle perdoara a vida cando era moi novo, remataba unha guerra civil de case catro anos nunha batalla que tivo lugar preto dunha vila situada na actual provincia de Córdoba, e que hoxe ten sona polos seus viños. De que xeneral estamos a falar e como se chamaba naquela época a vila?


III. Un ano despois de vencer nesa batalla, o xeneral en cuestión morría asasinado, e durante os seus funerais, o día 21 de marzo, producíronse serios disturbios na cidade de Roma, debido a que os partidarios do finado quixeron vingarse rapidamente. Houbo mortos, e un deles foi un poeta a quen a multitude confundíu cun dos sospeitosos do asasinato, xa compartían o mesmo cognomen. De que poeta se trataba e con quen o confundiron?

CONCVRSVS ODISEA 2011

Rematou a nosa participación no Concurso Odisea 2011, e este ano pódese dicir que fixo honor ó nome.

Como xa sabedes, tiñamos cinco equipos clasificados para a fase de desempate en Galicia. A organización convocounos no IES de Ames o 9 de febreiro (e aló fomos, coa comida na boca). Todo ía saíndo bastante ben, e mellor aínda ó final da tarde. Tan ben saíra que a páxina web daba como resultado provisional como gañadores a DIVINA CEFALEA (Elena e Iván) e en terceiro lugar a MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula). Por desgracia, a xestión informática do concurso fallou porque a web non recoñeceu as respostas de varios grupos participantes noutras sedes.

Diante disto, os organizadores decidiron repetir o desempate unha semana despois, no mesmo lugar e á mesma hora. Repostos da decepción (ben: algúns non de todo), iamos agarrar o bus outra vez o día 16, pero unha alerta meteorolóxica fixo que a Consellería de Educación prohibise as actividades extraescolares. Co fin de poder levar a cabo a xornada, a organización enviou ó noso Centro un responsable para vixiar o comportamento dos nosos grupos (por certo, Álvaro: moitas gracias polo esforzo).

Desta vez a sorte (e a sapiencia) non nos acompañou tanto, pero é para estar ledos, pois os resultados foron estes:
6º posto: MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula)
7º posto: DIVINA CEFALEA (Elena e Iván)
10º posto: WEWE (Amalia e Isa)
11º posto: TACITAE PVELLAE (Jenny e Mariña)

Así que, pola miña parte, estou moi satisfeito, pois seguimos a manter un bo nivel na nosa participación neste concurso. O de gañar xa se sabe que é complicado, e depende de varios factores: aí reside un chisco o encanto.

Moitas gracias, de verdade, pola vosa participación e esperamos facer, como mínimo, o mesmo na edición do vindeiro ano. E se non, lembrade que do que se trataba, principalmente, era de pasalo ben ó tempo que aprendiamos algo. Déixovos coas fotos que tomamos o primeiro día:




IVIMVS, CERTAVIMVS, GAVISI SVMVS

martes, 8 de febrero de 2011

CONCVRSVS ODISEA 2011


Rematou xa a fase inicial do Concurso Odisea 2011 e, unha vez máis, conseguimos ter equipos clasificados para o desempate, que terá lugar mañá mércores día 9 no IES de Ames, a partir das 16:00. Alá iremos, a ver se Minerva e Fortuna seguen a sernos propicias.

Os grupos clasificados son:
DIVINA CEFALEA (Elena e Iván)
MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula)
TACITAE PVELLAE (Jenny e Mariña)
WEWE (Amalia e Isa)
WICHIWI (Camila, Judit e María)

Saímos ás 14:45, así que só nos dará tempo a comer un nadiña.

miércoles, 2 de febrero de 2011

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-V

De novo por aquí para propoñer outra serie de tres preguntas para mellorar ata nun punto a nota final do trimestre.
Por certo, que este mes os alumnos seguidores deste blog terán dobre traballo, xa que varios deles participan na nova edición do concurso Odisea 2010, organizado pola Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos. Temos oito grupos inscritos. Moita sorte e sapiencia a todos!
Volvendo ás nosas cuestións mensuais, aquí están:







I. O 4 de febreiro de hai exactamente 1800 anos morría na cidade romano-británica de Eburacum un Emperador romano de serio nome. Disque cando estaba no seu leito de morte chamou ós seus dous fillos e díxolles que se coidaran só de manter contentos ós soldados do exército e esquecesen todo o demais. Como se chamaba o Emperador, cal era o nome dos seus dous fillos e cal é a denominación actual da cidade onde morreu?









II. O 12 de febreiro, 223 anos antes do anterior, morría tamén un persoeiro romano. Foi o principal colaborador do sobriño-neto de César, a quen servíu sobre todo no campo militar. Chegaron a selar a súa amistade cunha voda: casou coa filla do seu xefe. Quen era este importante soldado, como se chamaba o seu xefe, cal era o nome da súa esposa e cantos fillos tivo con ela?











III. Abonda de mortes. Agora, unha festa: o 23 de cada mes de febreiro os romanos honraban a certo deus nunha celebración que consistía en adornar con flores os marcos que dividían as propiedades; tamén facían ofrendas a estas pedras e rociábanas con sangue de cordeiro ou leitón. Como se chamaban estas festas e que deus era honrado nelas?




MVLTO ADIUVANT PATIENTIA CONSTANTIAQVE

lunes, 10 de enero de 2011

ROMANAE QVAESTIONES (MMX-MMXI)-IV


FELIX INTROITVS IN NOVVM ANNVM MMXI



Iterum hic sumus! Asomamos de novo á rede para continuar co diario do curso e, como cada principio de mes, propoñer novas cuestións nas que se poñen a proba as capacidades de búsqueda, e tamén as gañas de sumar puntos, dos meus alumnos. Aquí vos deixo as ROMANAE QVAESTIONES do mes de xaneiro:











I. O 7 de xaneiro de hai 2.115 anos un rei de certa parte de África era esganado (segundo outras versións, deixado morrer de fame), no pequeno e escuro cárcere do Tullianum, próximo ó Foro Romano. Este monarca levaba varios anos sendo un incordio para as lexións romanas no seu país, e a súa historia foi obxecto dunha monografía por parte dun historiador máis coñecido polo relato dunha importante conspiración desartellada no ano 63 a.C. Como se chamaban o rei, o seu reino, e o historiador en cuestión?








II. Catro días máis tarde (11 de xaneiro) de hai 1.663 anos nacía na vila hispana de Cauca o que sería derradeiro gobernante do Imperio Romano unificado. Pedimos o nome do Emperador, o nome actual da vila na que naceu, e a provincia, tamén actual, na que se atopa.










III. Un 13 de xaneiro de 18 anos despois da execución do rei mencionado na primeira quaestio, morría de enfermidade o xeneral romano que conseguira derrotalo. A súa morte aconteceulle durante un conflicto civil que o enfrontou a outro xeneral, que gobernou roma con man de ferro logo de tomala por asalto dúas veces, e que estivera ó seu servicio, precisamente na guerra contra o monarca africano. Quen eran estes dous militares?
QVAERITE, INVENITE, VINCITE