lunes, 4 de mayo de 2015

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXIV-MMXV)

Rematou o mes de abril (con chuvia, igual que empezou maio). Só quedan dúas oportunidades para sumar 0,33 puntos mensuais á nota final do trimestre (1 punto en total). A ocasión do mes pasado só a aproveitaron Nerea, Gemma e Sabela (2º BAC). Por certo, que para 2º BAC este mes puntúa o dobre (0,66), xa que o seu curso non chega a xuño.

Pois estas son as quaestiones do mes de maio; mes no que, dito sexa de paso e sen que veña a contoo, os romanos non casaban, pois consideraban que traía mala sorte:



I. O 4 de maio de hai 2.025 anos un Emperador inauguraba un teatro que se comezara a construír en tempos do seu tío avó, e que non se rematara ata dous anos antes. O edificio foi dedicado ó seu sobriño e xeno, en quen este gobernante depositara grandes esperanzas de que o sucedese no poder. Como se chamaban as tres persoas implicadas na construcción deste teatro e con que nome coñecemos ese edificio?
 
II. Cada 9, 11 e 13 de maio celebrábanse en Roma unhas festas relixiosas moi particulares. Cada pai de familia erguíase a medianoite para cumprir unha serie de ritos, entre os que se incluía o de guindar ás súas costas unha manchea de fabas negras, para despois golpear algún obxecto de bronce. Como se chamaban estas festas e que obxectivo se perseguía nelas?



III. O 10 de maio, 249 anos despois da inauguración do edificio mencionado na primeira quaestio, morría un Emperador, asasinado, como tantos outros, a mans dos seus propios soldados, mentres participaba no asedio dunha cidade do nordeste italiano, famosa por ter sido durante moitos anos unha importante sede militar. De que Emperador e cidade estamos a falar?

lunes, 6 de abril de 2015

National Geographic e Roma

A revista da National Geographic Society fainos un fermoso agasallo neste mes de abril.

O seu número ordinario inclúe unha moi interesante reportaxe sobre a Columna Traxana: nel podemos saber os motivos da súa erección, o xeito como se construíu, e varias teorías interpretativas sobre o releve en espiral que a cobre. Todo acompañado dunhas ilustracións coa calidade propia desta revista.

Ademais, nun número especial, NGS ofrécenos un completo estudio sobre a cidade de Roma ó longo da Historia: desde a súa fundación, pasando polo seus momentos de esplendor e decadencia (Idade Antiga e Idade Media), ata chegar á Idade Moderna e Contemporánea. Nesta revista recóllense diferentes artigos que, en xeral, fan moi recomendable a súa lectura.


Unha ledicia, vaia.



Un blog interesante: imperioromano.com

No blog imperioromano.com pódese atopar información interesante sobre varios aspectos da civilización romana antiga.

Por iso recomendamos a súa visita, e tamén o engadimos á lista de enlaces da esquerda do noso blog.


ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXIV-MMXV)

A piques de comezar o derradeiro treito do curso, ofrecemos este mes de abril unha nova ocasión de aumentar nun 0,33 a nota final do trimestre (ata 1 punto no global do mesmo). Para iso, como cada mes, haberá que atopar as respostas ás seguintes quaestiones sobre a civilización romana:



 

I. O 8 de abril de hai 2.067 anos celebrouse en Roma o proceso contra un político acusado de provacar serios disturbios na cidade, sobre todo en época de eleccións. Foi defendido polo máis famoso orador romano, cun discurso que hoxe conservamos nunha versión reelaborada polo propio autor. Como se chamaban o político, o seu defensor, e con que título coñecemos o devandito discurso?





II. O mesmo día, 198 anos despois, nacía en certa cidade do norte de África un rapaz que chegaría a ser Emperador, e que mesmo ía fundar unha nova dinastía, poñendo fin a unha época na que o cargo de máximo gobernante do Imperio era un seguro de morte temperá. O eixo da súa política foi o reforzamento do poder militar, cunha xefatura forte en mans do Emperador. De quen estamos a falar e en que cidade naceu?




III. Precisamente o mesmo día, 71 anos despois, morría asasinado por un dos centurións da súa garda persoal un Emperador da dinastía fundada polo protagonista da anterior quaestio. A que Emperador nos referimos?

lunes, 23 de marzo de 2015

Nuntiationes ad Quartum Cursum

Como vos prometín, aquí tedes as notas do exame que fixemos esta mañá. Os vosos nomes figuran só coas iniciais para protexer a vosa privacidade.


Para as notas finais do trimestre, falamos mañá. Iso si: un AVISO URXENTE para U. M. T.: se non fas os cuestionarios que che faltan (e tes ata esta noite para facelos), suspendes o trimestre.


sábado, 21 de marzo de 2015

PowToon sobre a Oratoria romana

Aquí deixo unha pequena animación que pode servir como guía para fixar na memoria (si, na memoria, que segue a ser necesaria) algúns conceptos básicos sobre o xénero literario da Oratoria en Roma e a figura de Marco Tulio Cicerón.


lunes, 2 de marzo de 2015

ROMANAE QVAESTIONES (MMXIV-MMXV)-VI



O pasado mes de febreiro só Nerea, Gemma e Sabela, todas de 2º BAC, aproveitaron a oportunidade mensual de sumar 0,33 puntos á nota final do trimestre. Para elas, e para todos os demais alumnos de Latín do IES Fontexería, aquí están as preguntas do mes de marzo:
 
I. O 7 de marzo, hai 1.854 anos, morría, víctima dunha indixestión de queixo, un dos Emperadores que mellor lembranza deixou entre os romanos, ata o punto de dicirse que foi case o único en gobernar sen mandar asasinar a ningún dos seus concidadáns. Tras a súa apoteose (decreto do Senado polo que un Emperador era divinizado), compartíu un templo no Foro Romano coa súa esposa. De que Emperador se trata e como se chamaba a súa esposa?



I. 302 anos antes, o 10 de marzo, un cónsul romano vencía nunha batalla coa que se poñía punto final á primeira de tres guerras que Roma mantería cun inimigo temible, e que, na segunda delas, a piques estivo de derrotala. A que serie de guerras nos referimos, como se chamaba o cónsul, e con que nome coñecemos a esa batalla?


III. Finalmente, 61 anos despois da morte do Emperador mencionado na primeira quaestio, era asasinado por soldados do exército outro emperador. Accedera ó trono a unha idade bastante cativa, mais moi cedo os seus excesos fixérono moi odiado; de feito, o seu cadáver foi guindado ó río Tíber. Como se chamaba este Emperador e a que idade se converteu en tal?