lunes, 1 de abril de 2013

ROMANAE QVAESTIONES VII (MMXII-MMXIII)

Uns días para coller folgos, e xa está aquí o inicio do terceiro trimestre, que adoita ser o decisivo para moitas cuestións académicas.

Neste blog continuamos coa nosa proposta mensual para sumar ata un punto máis na nota final do trimestre. Para iso hai que respostar correctamente ás preguntas que veredes a continuación. A ver se tedes o mesmo éxito que Nerea, Gemma, Sabela (4º ESO), e María, Nuria e Samantha (2º BAC): elas foron quen de atopar as contestacións ás cuestións do mes pasado.




I. O día 4 de abril de hai 2.069 anos, un famoso orador romano pronunciaba un discurso na defensa de certo individuo, acusado de envenenar a unha muller, moi coñecida na Roma do seu tempo (e máis aló) por ser, case con toda seguridade, a musa de certo poeta (e poetisa ela tamén) romano moi apaixoado. Quen eran o orador, o acusado, a muller e o poeta?






II. Dez anos despois do feito a que fai referencia a pregunta anterior, remataba nunha vila africana unha guerra civil entre romanos que trouxo como consecuencia o ascenso ó poder dun xeneral, político e home de letras. A que vila e que persoeiro nos referimos?






III. Cada 12 de abril, e ata o 19 do mesmo mes, tiñan lugar en Roma unhas celebracións na honra de certa deusa. Os ritos estaban dominados pola gran alegría dos seus participantes, que conmemoraban o retorno da filla da deusa onda súa nai. Con que nome se coñecían estas festas, e quen eran as divinidades (nai e filla)?

lunes, 4 de marzo de 2013

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXII-MMXIII)

Comeza un novo mes, e con el unha nova oportunidade de engadir 0,33 puntos á nota final do trimestre. Para iso, como sempre, haberá que contestar correctamente ás seguintes tres preguntas. Lembrade: todas elas aluden a algún acontecemento do que se cumpre un cabodano; non esquezades tampouco que aquí se pon a proba a vosa capacidade para calcular datas e deducir datos das pistas que se vos dan.


I. Cada 5 de marzo, desde que o culto de certa deusa se introducira en Roma, os fieles da devandita divinidade dirixíanse en procesión ó porto de Ostia, levando imaxes doutros deuses e unha urna con auga de certo río que, segundo sabemos hoxe, é o máis longo do planeta. Trátase de averiguar o nome da deusa, o do río, e de saber que facían os devotos ó rematar a súa procesión e chegar á beiramar.





II. Hai 1.833 anos morría, ós 58 anos, certo Emperador romano, autor dun libriño en grego que aínda se segue a ler hoxendía. Quen era este Emperador, de que morreu e como se titula o libro?






III. Cada 19 de marzo, os escolares e os artesáns romanos celebraban unhas festas na honra de certa deusa moi vencellada ó seu traballo. Duraban catro días, e era común festexalas en familia, intercambiándose agasallos e invitacións a comer; durante o Imperio, mesmo se ofrecían espectáculos de gladiadores no Coliseo. De que celebración estamos a falar e quen era a deusa homenaxeada?

jueves, 28 de febrero de 2013

Attendite, alumni Secundi Cursus Baccalaureatus!

Estas son as notas do exame que fixemos esta mañá. Como veredes, son cativas; pero diso xa falaremos na seguinte clase:

domingo, 17 de febrero de 2013

Romani Latine Loquebantur (II)-Sub Prezi

Aquí deixo o enlace a unha nova presentación sobre o latín cotián, baseada nesa cómoda ferramenta que é Prezi.

Nesta ocasión achegámonos a varios campos léxicos: o das partes do corpo, o dos alimentos e animais de presencia máis cotiá na vida dos antigos romanos, e tamén o das actividades sexuais.

lunes, 11 de febrero de 2013

Odisea 2013 (II)

Rematou a primeira fase do Concurso Odisea 2013 e dous dos nosos grupos (VENERIS PVPILLAE e PHIL(OCTETIS) DISCIPVLAE) remataron en cuarta posición, ex aequo con varios grupos máis doutros centros, logrando unha puntuación de 76.
Polo tanto, acudirán ó desempate 3 grupos que obtiveron a puntuación máxima (79). O xurado non considerou correcta a resposta a unha das preguntas-pista do preguntón do xoves. Feita a correspondente reclamación pola nosa parte, foi desestimada. Non acabamos de estar de acordo cos argumentos que nos dan, pero acatamos a decisión.Aquí deixo o texto da reclamación:

Os dous grupos respostaron "Suasoriae", cando nas solucións só se admite "Suasorias".
Os dous grupos atoparon a resposta nestas páxinas:
http://www.santiagoapostol.net/latin/educacion_roma.html
http://www.luduslitterarius.net/literatura/oratoria.htm
Efectivamente, na pregunta non se pide que se conteste en latín, pero acontece que nin o Diccionario da Real Academia Española nin ningún diccionario de galego que teñan consultado os rapaces aceptan a palabra "Suasoria" como sustantivo (en todo caso como adxectivo). Polo tanto, técnicamente esa palabra non existe nin en castelán nin en galego, polo que o nome do exercicio que se pide na pregunta só existe en latín; e, dado que a pregunta di "exercicios", cremos que se debe aceptar como válida a resposta "Suasoriae".

Nada máis. Como profesor, estou contento do traballo realizado polos meus alumnos, que teñen demostrado unha vez máis a súa capacidade investigadora, e agardamos ter máis sorte na vindeira edición.

Felicitamos tamén ós tres equipos clasificados para o desempate e desexámoslles sorte, tanto no propio desempate como na fase estatal.
Saudamos tamén á organización e, unha vez máis, facémoslles chegar asemade a nosa noraboa pola iniciativa, un ano máis.

domingo, 3 de febrero de 2013

Odisea 2013


Un ano máis, a Sección Galega da Sociedad Española de Estudios Clásicos (SEEC) organiza o concurso Odisea 2013, no que se poñen a proba os coñecementos dos estudiantes sobre o Mundo Clásico, así como a súa capacidade para navegar de xeito intelixente na rede. O concurso comeza mañá mesmo, ás 9 da mañá, e na súa primeira fase durará catro días.

Desde este blog queremos felicitar ós organizadores por conseguir levar adiante esta boa idea un novo ano, e tamén agradecerlles o seu esforzo

E igualmente, como cada ano, no noso Centro hai alumnos que teñen ilusión por participar. Nesta ocasión inscribíronse os seguintes grupos:

MVSAE HERAE: Sara, Mónica e Lara (1º BAC)
PHIL(OCTETIS) DISCIPVLAE: Adrián, Clara e Martín (1º BAC)
CARIATIDES: Sonia, Iván e Ángela (1º BAC)
VENERIS PVPILLAE: Mª José, Sheila e Nuria (2º BAC)

Moita sorte para todos. Aquí vos deixo o enlace, e MINERVA VOS IVVET!:

http://www.odiseaconcurso.org/ga/

ROMANAE QVAESTIONES V (MMXII-MMXIII)

Como cada mes, desde este blog os alumnos de Latín do IES Fontexería poden aumentar ata nun 0,33 a súa nota final de trimestre respostando correctamente ás preguntas que se formulan a seguir:



I. O 19 de febreiro de hai 1.816 anos suicidábase, atravesándose cunha espada, un militar romano tras ser derrotado nunha batalla por outro que, como el, quería ocupar o trono imperial. Debedes buscar o nome deste suicida, o do seu rival, e tamén con que nome se coñece a batalla na que se enfrontaron.








II. Seguimos con mortes de Emperadores e similares. 115 anos despois do acontecemento anterior, o 26 deste mes, era asasinada certa persoa por orde do seu irmán, con quen compartía o poder imperial. Cómpre averiguar o nome dos dous irmáns, distinguindo entre asasino e asasinado, por suposto.







III. Cada 27 de febreiro celebrábanse en Roma unhas festas na honra dun deus moi belicoso. O acontecemento principal consistía nunha carreira que tiña lugar nun Campo de nome moi relacionado co devandito deus. Que deus era, que animais protagonizaban a carreira e, case me esquezo, como se chamaban esas festas?