miércoles, 5 de noviembre de 2014

ROMANAE QVAESTIONES II (MMXIV-MMXV)

Co remate do mes de outubro finalizou tamén a primeira oportunidade para que os alumnos de Latín do IES Fontexería sumasen 0,33 puntos á nota final do trimestre. Só Nerea, Gemma e Sabela (2º BAC) estiveron atentas.

Co mes de novembro reiteramos a oferta: 0,33 puntos por respostar correctamente a estas tres preguntas, para o que se dan unhas boas pistas:

I. Hai 1.999 anos, o 6 deste mes, nacía en Roma unha rapaza que logo sería moi importante na evolución da primeira dinastía de Emperadores romanos: sobriña do segundo Emperador desa familia, irmá do terceiro, esposa do cuarto e nai do quinto. De que muller e Emperadores falamos?




II. O 8 de novembro, 78 anos antes, un importante político e orador romano pronunciaba diante do Senado o primeiro dunha serie de discursos nos que descubría unha conspiración destinada a dar un golpe de Estado. Segundo se nos conta, o líder da conxura estaba presente cando os seus plans foron revelados publicamente. De que dous homes estamos a falar?




III. Durante a celebración dos Xogos Plebeios, o 13 de novembro, certo colexio de sacerdotes organizaba, no nome da plebe, un banquete público na honra do deus a quen se consagraban os devanditos xogos. Unha imaxe do propio deus (a quen acompañaban outras dúas, de senllas deusas) era levada ó banquete. O deus protagonista “comía” recostado nun diván e as dúas deusas sentadas. Como se chamaba o colexio de sacerdotes e a que deuses nos referimos?

jueves, 2 de octubre de 2014

ROMANAE QVAESTIONES I (MMXIV-MMXV)

Co comezo do novo curso principia tamén a serie mensual de oportunidades para que os alumnos das materias de Latín (4º ESO), Latín I (1º BAC) e Latín II (2º BAC) poidan incrementar ata nun punto a súa nota final de trimestre.

Para iso deberán respostar correctamente, logo das pertinentes investigacións na rede, ás tres preguntas que cada mes aparecerán neste blog.

Velaquí as do mes de outubro:


I. O día 2 deste mes, desde finais do s. I a.C., celebrábanse en Roma unhas festividades na honra de certo persoeiro, decisivo na Historia da cidade, con motivo do seu retorno dunha viaxe na que se xogara o futuro da propia Roma. Na ocasión tamén se honraba a unha divinidade moi vencellada á boa sorte. Os actos consistían fundamentalmente no ofrecemento de espectáculos públicos variados. A que persoeiro e divinidade nos referimos?
 


II. Hai 1.653 anos morría un Emperador romano, xusto cando estaba a piques de enfrontarse a un rival polo poder, que ademais era seu curmán, e que fora proclamado Emperador polos seus soldados. Como se chamaban estes dous curmáns?







III. Cada 5 de outubro os romanos consideraban que quedaba aberta a porta que comunicaba o reino dos mortos co dos vivos. Non era a única data na que se producía esta crenza, senón que incluía dous días máis. Como se chamaba esta crenza relixiosa e a que outras dúas datas afectaba?

viernes, 26 de septiembre de 2014

Novus Cursus: Salutatio

Comezamos un novo Curso coa ledicia de contar cun bo número de matriculados en Latín e en Grego, sobre todo en 1º de Bacharelato (22 e 20 rapaces, respectivamente). Isto aporta unha dose de ilusión que sempre é benvida á hora de retomar o labor docente.

Nesta primeira entrada do ano académico vou recomendar a lectura dun libro: Roma, de Steven Saylor.

Pode que a súa extensión (máis de 800 páxinas) bote para atrás a máis dun posible lector, pero neste caso a prevención está inxustificada: é un modelo de como se debe escribir unha novela historica. Saylor toma feitos documentados da Historia de Roma para construír unha ficción na que unha familia vai percorrendo todos os séculos da Antiga Roma, desde antes da fundación da cidade, ata a chegada do primeiro Emperador, César Octavio Augusto.

Admito, iso si, que a lectura se fai máis agradable con certos coñecementos da Historia de Roma, pois así percibimos a habilidade do autor para enxertar ficción con testemuño histórico.

Dádelle unha oportunidade e seguro que non vos ha defraudar.

Polo demais,

FORTVNA MINERVAQVE VOBIS ADSINT!

lunes, 2 de junio de 2014

ROMANAE QVAESTIONES IX (MMXIII/MMXIV)

Xa remata o curso, e con el as oportunidades para aumentar ata nun punto a nota final do trimestre.

Nerea, Gemma e Sabela (1º BAC), e tamén Clara e Leti (2º BAC), seguiron este consello o mes pasado, e agardemos que se sume máis xente a respostar estas novas questiones:



I. O día 1 deste mes, hai 2.401 anos, inaugurouse un templo en Roma na honra de certo deus, por ter axudado ó exército na súa loita contra uns inimigos que pouco tempo antes saquearan Roma. A que deus se dedicou ese edificio relixioso e a que inimigos nos referimos?






II. O mesmo día, 42 anos máis tarde, inaugurouse outro templo. Nesta ocasión, certo militar romano prometera a unha deusa que se lle construiría o edificio en agradecemento á axuda que ela prestara contra os mesmos inimigos mencionados na quaestio anterior. De que militar e deusa falamos, e en que consistíu a axuda dela?







III. O 2 de xuño, 842 anos despois do acontecemento mencionado na primeira pregunta, Roma era saqueada durante 14 días por soldados dun pobo bárbaro. Como se chamaba ese pobo e quen era o seu líder?

martes, 20 de mayo de 2014

Carmen: Dejadme que os enseñe el Griego

Los profesores de Latín también damos Griego, en muchas ocasiones. Yo solo llevo dos años enseñando la lengua de Homero, pero como mi afición por la Música es muy poderosa, se me ha ocurrido que las declinaciones griegas también pueden, al igual que las latinas, enseñarse con ritmo y melodía.

Aquí os dejo este divertimento, con mis fantásticos alumnos de 2º de Bachillerato:

lunes, 5 de mayo de 2014

Liber: "Roma y los bárbaros. Una historia alternativa", de Terry Jones y Alan Ereira

Os que temos La vida de Brian (Life Of Brian, Terry Jones, 1979) como unha das nosas películas de cabeceira, admiramos a Terry Jones, unha das mentes pensantes do glorioso grupo cómico Monty Python. 

Na devandita película, aparte de dun humor por veces delirante, podemos disfrutar da súa intelixente sátira sobre a problemática que, a ollos do século XX, afecta ós procesos colonizadores, nos que a Civilización Occidental é abondosa.

No libro que agora comento, a perspectiva de Terry Jones vai un chisco máis aló, poñéndose de parte sempre dos pobos colonizados por Roma e, en xeral, de todos aqueles ós que os romanos chamaban, xenericamente, bárbaros.

É certo que co triunfo de Roma houbo moitos aspectos de diversas culturas que quedaron esquecidos, mais o libro está escrito nun tono de amargo salaio por esas perdas, e de censura -en ocasións moi agre- da conducta dos romanos como conquistadores. A min parécenme esaxerados estes puntos de vista, e por dúas razóns:
     a) Os pobos conquistados teñen sido sempre obxecto de dominación, e na maioría dos casos moitos elementos da súa forma de vida desparecen. Isto non ten variado ó longo da Historia humana, e só nos séculos XIX-XX-XXI ten aparecido o -lexítimo e recomendable- interese pola conservación. Os romanos non foron diferentes neste aspecto a outros conquistadores, pero si é certo que foron máis respetuosos coas particularidades locais que outros: non impuxeron a sangue e fogo a súa lingua ou relixión, por exemplo; máis ben entraron en relación coas clases dominantes dos pobos vencidos, que sentiron como un beneficio aceptar as servidumes económicas romanas para progresar socialmente, sobre todo porque eles tamén tiraban proveito. As clases inferiores, malia levar, como case sempre, a peor parte, seguiron o camiño marcado polos que dominaban.
     b) A conquista romana non foi sen violencia, mais o Mundo Antigo era un mundo violento, dentro e fóra dos límites do Imperio. Se os romanos se impuxeron foi debido a un cúmulo de factores, entre os que non se contaba o seren máis violentos que os demais; si foron máis organizados e eficaces. Para ben e para mal, o noso mundo actual ten que ver con eles moito máis do que pensamos, como desde este blog intentamos tramsmitir hai xa algún tempo.

Con todo, o libro paga a pena.

ROMANAE QVAESTIONES VIII (MMXIII-MMXIV)

Un mes máis (e xa só quedan dous para que remate o curso), ofrecemos neste blog a posibilidade de sumar ata 0,33 puntos á nota final do trimestre (para os de 2º BAC ata 0,66 puntos, xa que o seu Curso remata neste mes de maio.

Noraboa a Nerea, Gemma e Sabela (1º BAC), e tamén Clara e Leti (2º BAC), por ter respostado correctamente ás quaestiones do mes anterior.

Velaquí as preguntas deste mes:

I. O 1 deste mes morría, hai 1.606 anos, o primeiro Emperador da parte oriental do Imperio Romano, logo da súa división definitiva en dous sectores. A parte occidental estaba gobernada polo seu irmán, e o artífice da separación fora o seu pai. De que tres emperadores estamos a falar e en que ano se producíu a división do Imperio?



II. Cada 1 de maio os romanos celebraban unhas festas relixiosas na honra dunhas divinidades que eran veneradas en cada casa, e tamén se consideraban protectores de toda a cidade, e nomeadamente das súas murallas. Tiñan un altar público no outeiro do Palatino. Como se chamaban estes deuses?



III. O 2 de maio, 335 anos antes da morte referida na primeira quaestio, cedía a resistencia dunha cidade xudea na que se refuxiaran os derradeiros superviventes dunha rebelión contra Roma. Certo historiador, medio romano e medio xudeu, cóntanos que logo de seis meses de asedio, os habitantes da cidade prefiriron a morte á rendición: dez homes encargáronse de matar os seus compatriotas, antes de matárense eles mesmos (só quedaron dúas mulleres e cinco nenos). De que cidade estamos a falar e que historiador nos transmitíu eses feitos?