jueves, 3 de diciembre de 2009

ROMANAE QVAESTIONES (MMIX-MMX / III)





Rematou o mes de novembro e cómpre felicitar a Elena Fernández e Isabel Verán, xa que elas dúas conseguiron xa 0,33 puntos da súa nota final deste trimestre, ó contestar correctamente ás preguntas formuladas neste blog. E non lles resultou moi difícil: foron á Biblioteca e, co control do profesor, bucearon neste fantástico instrumento que, ben usado, é Internet, e só precisaron un recreo para atopar as respostas. Así que a ver se cunde o exemplo. Para comprobalo, velaquí as preguntas para este derradeiro mes de 2009:






Hai 2.226 anos, o 1 de decembro, certo militar, considerado un dos máis sobranceiros da Antigüidade, derrotou ós romanos na primeira de varias batallas nas que se amosou moi superior a eles. Tal foi o impacto destes desastres que aínda moitos anos despois as nais romanas, cando querían asustar ós seus fillos por algunha trasnada que fixeran, empregaban o nome deste personaxe. Obviamente, preguntamos de quen se trata e con qué nome se coñece esta famosa batalla.





Todos os anos, a partir do 17 de decembro, celebrábanse en Roma unhas festas que se contaban entre as máis apreciadas polos seus habitantes: non había actividade política nin xudicial, a escola daba vacacións, as execucións adiábanse, e mesmo había sorteos de lotería! Sobre estas festas queremos saber o seguinte: o seu nome, a qué deus se honraba nelas, e qué inversión de certas clases sociais se producía durante esas datas.




Para rematar, o último día deste mes de hai 1.817 anos, certo Emperador romano era asasinado mediante estrangulamento. Simplemente solicitamos que averigües o nome dese Emperador e cales foron as circunstancias do asasinato.


Xa sabemos que hai moitos exames, e ademais este mes é máis curto, academicamente falando, pero nunca está de mais conseguir unhas décimas extra, non é?

No hay comentarios:

Publicar un comentario