viernes, 4 de marzo de 2011

CONCVRSVS ODISEA 2011

Rematou a nosa participación no Concurso Odisea 2011, e este ano pódese dicir que fixo honor ó nome.

Como xa sabedes, tiñamos cinco equipos clasificados para a fase de desempate en Galicia. A organización convocounos no IES de Ames o 9 de febreiro (e aló fomos, coa comida na boca). Todo ía saíndo bastante ben, e mellor aínda ó final da tarde. Tan ben saíra que a páxina web daba como resultado provisional como gañadores a DIVINA CEFALEA (Elena e Iván) e en terceiro lugar a MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula). Por desgracia, a xestión informática do concurso fallou porque a web non recoñeceu as respostas de varios grupos participantes noutras sedes.

Diante disto, os organizadores decidiron repetir o desempate unha semana despois, no mesmo lugar e á mesma hora. Repostos da decepción (ben: algúns non de todo), iamos agarrar o bus outra vez o día 16, pero unha alerta meteorolóxica fixo que a Consellería de Educación prohibise as actividades extraescolares. Co fin de poder levar a cabo a xornada, a organización enviou ó noso Centro un responsable para vixiar o comportamento dos nosos grupos (por certo, Álvaro: moitas gracias polo esforzo).

Desta vez a sorte (e a sapiencia) non nos acompañou tanto, pero é para estar ledos, pois os resultados foron estes:
6º posto: MAVRAE PVELLAE (Maruxa e Paula)
7º posto: DIVINA CEFALEA (Elena e Iván)
10º posto: WEWE (Amalia e Isa)
11º posto: TACITAE PVELLAE (Jenny e Mariña)

Así que, pola miña parte, estou moi satisfeito, pois seguimos a manter un bo nivel na nosa participación neste concurso. O de gañar xa se sabe que é complicado, e depende de varios factores: aí reside un chisco o encanto.

Moitas gracias, de verdade, pola vosa participación e esperamos facer, como mínimo, o mesmo na edición do vindeiro ano. E se non, lembrade que do que se trataba, principalmente, era de pasalo ben ó tempo que aprendiamos algo. Déixovos coas fotos que tomamos o primeiro día:




IVIMVS, CERTAVIMVS, GAVISI SVMVS

No hay comentarios:

Publicar un comentario