miércoles, 1 de marzo de 2017

ROMANAE QVAESTIONES VI (MMXVI-MMXVII)

Co mes de marzo chega a derradeira oportunidade do trimestre para engadir ata 0,33 puntos á nota final.

O mes anterior tomaron boa nota disto Ana B., Paula I. (4º ESO) e máis María, Gabriel, Isaac e Sara R. (2º BAC).

Sen máis, aquí están as Romanae Quaestiones deste mes, que de seguro serán máis doadas para aqueles que participaron no recente Concurso Odisea:

I. O 16 de marzo de hai 1.980 anos falecía un dos primeiros Emperadores romanos, oficialmente de morte natural, aínda que na época había rumores de que o seu sucesor tivera algo que ver nela. Non fora un gobernante moi querido en Roma: disque a xente, ó saber a nova, se botou a rúa para celebralo, pronunciando unha frase que vencellaba a este Emperador co río que pasa por Roma. De que Emperador falamos, quen foi o seu sucesor e que berraron (en latín) os habitantes de Roma?


 
II. Xusto 418 anos despois da morte citada na quaestio anterior, falecía tamén outro Emperador, neste caso asasinado. Os autores da morte foron os criados dun xeneral que morrera a mans deste gobernante o ano anterior. O devandito militar vencera a un importante inimigo do Imperio, e exercía unha gran influencia no goberno a través da nai do Emperador. Queremos saber o nome do Emperador, o da súa nai, o do xeneral e o do inimigo vencido.




III. Para rematar, o 17 de marzo, 82 anos antes da morte do Emperador mencionado na primeira pregunta, producíase en Hispania unha importante batalla. Nela un victorioso xeneral derrotou ós fillos de quen fora inimigo seu nunha guerra civil, co cal consolidou definitivamente a súa posición dominante na política romana. De que xeneral falamos, como seu chamaba o seu inimigo e con que nome coñecemos esta batalla?

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada