lunes, 4 de mayo de 2009

ROMANAE QVAESTIONES (VI)

Como é costume cada día 28, 29, 30 ou 31, rematou o mes, neste caso o de abril. Tres persoas respostaron, e correctamente, ás quaestiones plantexadas. As respostas non eran, coma sempre, nada difíciles: Vexamos:
1. As festas celebradas en Roma entre o 4 e o 11 de abril eran as chamadas Megalenses, en honra da deusa Cibeles (que, por certo, segue a ter unha estatua hoxe en día en Madrid, como ben sabedes), tamén coñecida como Magna Mater, ou sexa, "Gran Nai".
2. Esa deusa, totemizada nunha pedra de betilo, chegara a Roma no ano 204 a.C., cando unha interpretación dos Libros Sibilinos, que os sacerdotes consultaban en caso de grande perigo para a patria (e que ninguén comprendía), estableceu que sen ela na cidade, Aníbal non podería ser derrotado: Roma enfrontábase a Cartago na II Guerra Púnica.
3. E o 26 de abril do 121 d.C. naceu o chamado "emperador filósofo", Marco Aurelio, da dinastía Antonina. Educouse na escola filosófica do estoicismo, que ensinaba, entre outras cousas, a aturar con paciencia os sobresaltos da vida. Este gobernante deixou escritas unhas máximas (pensamentos breves) compiladas baixo o título Meditacións.
Ben, pois felicitacións para Iván Martínez (4º ESO), Óscar Romero (1º BAC) e Rosa Fiuza (2º BAC), que han ver incrementada a súa nota final en 0,33 puntos.

Para que eles, e tamén outros, poidan seguir sumando, velaquí as preguntas do mes de maio. Tedes desde hoxe ata o día 31 para respostar:








1. Como xa vos teredes decatado, os romanos eran moi festeiros. Nesta ocasión, os días 9, 11 e 13 de maio o pai de cada familia erguíase a medianoite para coller unhas poucas fabas negras e lanzalas ás súas costas; despois, golpeaba un obxecto de bronce, co que non debía facer pouco ruído. ¿A quen se rendía tributo nestes ritos e que simbolizaban?








2. Hai 2.061 anos morría en terra estranxeira un xeneral e político romano moi famoso pola súa riqueza material, e que tivo unha morte xustamente relacionada cos cartos. ¿Quen era, con que nome se coñece a batalla que perdeu e a mans de quen foi derrotado?








3. O 31 de maio de hai 2.025 anos proclamouse en Roma que comezaba unha nova era de paz e prosperidade. Para saudar este feito, convocáronse uns xogos (en latín, ludi) que duraron tres días. A propaganda oficial proclamaba que uns xogos tales nunca se viran e xamais se habían ver de novo. ¿Como se denominaron e como se titula o poema que certo poeta latino, entonces con 48 anos, escribiu para a ocasión?
SAPIENTIA IN VOS INDVCTA SIT!

No hay comentarios:

Publicar un comentario