jueves, 2 de mayo de 2013

Un libro para disfrutar átomo a átomo

Nos tempos actuais, nos que vivimos mergullados en información e sometidos á influencia constante dos medios de comunicación, quizais sexa difícil para moita xente comprender que, hai séculos, un único libro puidese ser decisivo na historia das ideas.

Stephen Greenblatt, en El giro, fai comprender precisamente iso. Paga a pena ler un relato apaixoante sobre o redescubrimento do poema De rerum natura, de Tito Lucrecio Caro (s. I a.C.). Por que? Pois porque nesa obra se expresan ideas que forman parte do xeito de ver a vida de moitas persoas na actualidade, por moito que a maioría de nós fosemos educados no sistema de crenzas cristián católico: o concepto de que todo está composto de átomos e que a vida non é máis que unha agregación afortunada deles; a necesidade de nos centrar nesta vida, desconfiando dunha suposta existencia tras a morte; a alta probabilidade de que exista vida noutros mundos (e de que nós, os humanos, non somos o centro do Universo); ou o convencemento de que a divinidade non existe ou, de existir, non ten conta das accións humanas.

Todas estas ideas espalláronse por Europa e o mundo enteiro debido ó interese de Poggio Bracciolini, un humanista italiano que percorreu Europa dedicándose a sacar á luz moitas obras antigas soterradas nas bibliotecas dos mosteiros. A lectura de Lucrecio influíu decisivamente, por poñer un só exemplo, na visión vital de Karl Marx. Así que podemos dicir abertamente que, se Poggio non chega a resucitar a Lucrecio, a historio mundial tería sido diferente.

Polo tanto, un libro é quen de transformar o mundo de maneira, polo menos tan permanente, como unha explosión nuclear (por certo, baseada na manipulación dos átomos) ou a creación da rede internet (tamén imposible sen o descubrimento das partículas anticipadas por Lucrecio e os atomistas gregos).

Se podedes, non o perdades.


No hay comentarios:

Publicar un comentario